Carballeira de San Xusto
2 de 33

Carballeira de San Xusto

Bosque, Ermida

Trátase dunha das carballeiras máis populares de Galicia. Está situada na orela do río Lérez e nela que hai unha ermida dedicada aos santos Xusto e Pastor. O conxunto complétase cun cruceiro. A romaría ten lugar os días 5 e 6 de agosto e a ela asisten persoas de toda a contorna. Sufriu grandes cambios ao longo do século pasado; así, por exemplo, das cabras bravas que se cazaban nos cantís da outra banda do río, en Fentáns, xa unicamente queda a tradición.

Entre os anos 1990 e 1996 xurdiu un conflito entre os veciños de San Xurxo de Sacos e o arcebispado compostelán pola propiedade do monte, que rematou dándolles o Tribunal Supremo a razón aos primeiros.

Queda a curta distancia da N-541, dende a que sae un desvío á esquerda, dirección Ourense, que vai ata a carballeira e o santuario.

TEXTO

            A ermida, pequena, de planta de cruz latina, ten cuberta a cabeceira con bóveda de nervaduras e a nave con artesonado de madeira. A parte máis antiga pode ser do século XV ou do XVI.

A romaría é das máis sonadas da parte norte de Cotobade… Era de romeiros que seguían antigos camiños, hoxe non transitados, porque algúns viñan dar ó río Lérez, que pasaban sen ponte e sen barca, a pé e, todo o máis, descalzos por estar en estiaxe o río. Viñan xentes para quen era obrigado oír misa e asistir a unha procesión na ermida de Nosa Señora dos Remedios que está nos montes de Fentáns, na dereita do Lérez… Pola tarde había rosario e novena. Logo os festeiros pasaban a noite nas inmediacións da capela.

Nas antigas festas, o día 4 [de agosto], pola noite, chegaban as rosquilleiras e panadeiras de Caldas. Traían empanadas, mel, rosquillas e pan de trigo. Tamén ese mesmo día ían á caza das cabras salvaxes ós montes de Fentáns, ós acantilados que caen perpendiculares para o río, onde tiñan que descolgarse os mozos atados con cordas. Isto agora non se fai. Desapareceu tamén a “danza de espadas”, que executaban na carballeira…

Había na festa ofrecidos co seu hábito, caixas de mortos, principalmente de neniños, que levaban na procesión o día 6, na cabeza, ofertas dalgún carneiro, polos e cartos…

A romaría de San Xusto, como se di por abreviar, ten o seu cantigueiro popular e tamén erudito, dos que damos unha mostra:

Carballeira do San Xusto,

carballeira famosa,

naquela carballeiriña

perdín eu a miña Rosa.

 

 (Romarías e santuarios, Ed. Galaxia, Vigo, 1988: 277 ss.).