Ponte do Almofrei
3 de 33

Ponte do Almofrei

Ponte

Don Antonio, como bo xeógrafo, ademais de dedicarlle aos ríos un capítulo do libro Geografía de Galicia (Santiago de Compostela, 1953), tamén publicou varios artigos en revistas e xornais, dos que sobresaen os dedicados ao Miño, como “El nacimiento del Miño y sus leyendas”, “Canto y encanto de los ríos gallegos” e “As augas nobles do río Sil”.

Non podía faltar tampouco o que pasa por Loureiro, o Almofrei, que case desenvolve todo o seu curso no concello de Cerdedo-Cotobade, agás pouco antes de desembocar no Lérez en Bora (Pontevedra). Hai varias pontes, pero a máis interesante é a ponte do Almofrei, medieval e cun único arco apuntado.


NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

Un río é un camiño que anda. Así ten sido definido calquer río, e a verdade podemos decir que lle vai ben a definición, pero onde podemos non estar de acordo e no nome, é dicir como lle chamamos ó noso río…


Nace o río Almofrei na quebrada do Seixo, na Bouza do Home, e baixa pola parroquia de Caroi arrimado ó lombo montesío do Cabeiro e afondando o val, de cara ó poñente, ben vixiado polo coto de Costa Drago ou Castro Drago, onde a tradición sostén que dende moi lonxe viña a xente oír Misa á eirexa de Caroi…


Agora o río pasa por baixo da Ponte Loureiro moi abundosa nas referencias das cantigas sempre relacionadas cos amores…


Continúa o seu recorrido por entre os lugares de Pazos á esquerda e Lagoas e Cova da Ovella á dreita. Axiña comenza o gran descenso rozando Borela coa vella ponte por onde pasaba unha calzada román que baixaba pola Escorregada. Cerca da Ponte hai unha ermidiña adicada a Nosa Señora de Lourdes, que mandou facer un devoto…


Xa chegamos á Xesteira, na parroquia de Almofrei, eiquí está o topónimo do noso río, agora en descenso brusco que forma no fondo da costeneira da Soldada un val de unha sorprendente beleza que pode ser admirada dende o mirador moi ben emplazado cerca da fonte…

Serenamente o Almofrei pasa as Pontes de Bora e pérdese no Lérez que ven de escoitar e sin poder oír os Nocturnos dos mosteiros de Acibeiro e de Tenorio, así xuntos van a constituír a máis bella estampa fluvial de todolos ríos de España, endulzando as augas da ría de Pontevedra.

(“O río Almofrei”, Tiempo de Ocio, 1, Delegación de Pontevedra da Consellería de Turismo, Xuventude e Deportes, Pontevedra, agosto-setembro de 1984).