Foxo do lobo
5 de 33

Foxo do lobo

Espazo etnográfico

No territorio do concello de Cotobade quedan restos de tres foxos para cazar lobos: o de Paraños, o de Caroi (Fraguas) e o da Anta; este último é o mellor conservado e o que se pode visitar agora. Atópase a uns 300 metros da estrada, seguindo a pé por un camiño de dificultade media.

Na caza (a corrida) participaban os veciños de varias parroquias. Obrigaban ao animal a meterse nun amplo territorio protexido por muros que se ía estreitando e, xa dentro, forzábano a saltar ao foxo, un sitio fondo de forma circular semellante a un pozo, do que non podía saír. Dentro matábano a pedradas ou con chuzos e, ultimamente, con varios tiros (algún xa ía ferido, coma no caso que conta don Antonio).

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            No vello camiño que polo Batán, lugar da parroquia de Loureiro, se ía pra Corredoira, parroquia na penichán que afasta as augas do Lérez das do seu afluente mais importante, o Almofrei, atópase o foxo e parte do seu cercado, denominado: O Foxo da Anta, porque no plano limitado polos muros da cerca había unha mámoa. O foxo era o recinto cerrado, de muro de mampostería, de forma circular con unha porta estreita, aberta a nivel do terreo máis baixo, era espacio de pequenas dimensións e bastante outo pra que o lobo que alí caía non puidera saltar o muro…

Os muros que saían do foxo forman un ángulo de lados bastante longos con cancelas en todos os camiños por onde cruzaban os lobos. As cancelas custodiábanas por parroquias ou lugares. Estaban abertas cando se facía a corrida pra que pasara o lobo. Unha vegada dentro cerrábase a candela con boas pedras deica atinguir o nivel do muro. Podía deixarse aberta cando se presumía que había polo menos outro lobo que podería ser perseguido e seguía o mesmo camiño pros terreos comprendidos no ángulo do foxo…

Na víspora da corrida o señor Bernardino Raxoi, meu informante, pasou por diante da porta do foxo… No día seguinte foi á corrida, o lobo saltou pro foxo xa morto [déranlle un ou varios tiros antes de chegar] sacárono e deixárono tumbado nunha laxa, pasou un dos cazadores e doulle coa culata da escopeta, con tan mala fortuna que se disparou e matouno. A traxedia puxo fin ás corridas no foxo da Anta.

(“O derradeiro lobo no Foxo da Anta”, Faro de Vigo, 8 de agosto de 1989).


Fotografía recollida do Concello de Cerdedo-Cotobade