Igrexa parroquial de Loureiro
6 de 33

Igrexa parroquial de Loureiro

Igrexa, Espazo biográfico, Espazo etnográfico

            Atópase no núcleo máis grande da parroquia, O Igrexario (ou Lisario), no que tamén se acha a casa reitoral. É un bo edificio barroco, do que destaca a fachada e, para don Antonio, en particular a imaxe de Santiago camiñante, pola que se pagaron 43 reais o 20 de outubro de 1694 e que se puxo aquí ao construír a igrexa actual no século XVIII.

            No interior salienta o retablo da capela maior, presido por unha imaxe de Santiago de a cabalo; e nas laterais, o do Santo Cristo e o da Virxe.

            En 1960 publicou un detido estudo sobre o conxunto formado polo templo e o adro (antes cemiterio), onde se ergue un cruceiro e tamén está a campa de Florentina (“Apuntes sobre la iglesia de Santiago de Loureiro”).

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            A igrexa é unha construcción de sillares de granito e de estilo barroco de tipo compostelán, construída no século XVIII.

            Ten planta de cruz latina, co brazo de norte a sul, e así, no mediodía, está a porta principal de arco de medio punto con adornos que podemos decir da escola de Sarela, enténdase ben, da escola de Sarela. A torre érguese sobor da fachada con dous tramos. No primeiro están as dúas campanas: a grande e a nova por rotura aberta da antiga de un sonido que imita, pero somentes imita a campana actual. Lembramos unha terceira campana, a pequena, pola que chamaba o crego ó sancristán e poida que pra dar outros recados e avisos. Non sei que fin levou. Cando había campaneiro a campana tocaba á oración. O segundo corpo é doble sin campanas e remate en cúpula sobre a que está o remate que sirve de base pra cruz. Esta parte superior quedara moi regañada, as paredes por un forte tremor de terra que ocurreo estando eu no Instituto, en Pontevedra, na clase de latín. Pasados moitos anos con un trono baixo quedou en ruínas e foi reparada pola parroquia.

            Sobor da porta principal hai unha fornaciña que permite o paso da luz á tribuna e no seu recanto está unha imaxen de Santiago, de pedra e camiñante, de moi pequeno tamaño pero sumamente simpático, co libro pra doutrinar e o bastón de camiñante…

            No interior da igrexa hai duas imaxes de Santiago, as duas de Santiago cabaleiro. O máis monumental está no retábulo da capela maior, na parte superior… A segunda imaxen é a imaxen procesional…

(“En Loureiro de Cotobade hai moita fe no Apóstolo”, El Correo Gallego, 25 de xullo de 1991).