Campa de Florentina
7 de 33

Campa de Florentina

Espazo etnográfico

No libro segundo de Cousas de Castelao, editado en 1929, lese a seguinte dedicatoria: “A Florentina, rapaza que morreu de amor na feligresía de Loureiro o ano de 1857”. O ilustre rianxeiro soubo da existencia da campa desta moza, que se conserva no adro, por debaixo da escaleira que sobe ao campanario, no verán que pasou nunha casa da aldea de Pazos (Carballedo), durante o que se dedicou a estudar e debuxar os cruceiros da contorna.

A lenda da malfadada moza contoulla o pai de don Antonio, Manuel Fraguas Rodríguez, que faleceu o 12 de xuño de 1930.

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            O día de Nadal do ano 1857 morre en Loureiro de Cotobade unha moza solteira, rapaza fermosa e en moi boa situación económica. Sobraban pretendentes pero namorouse dun veciño que prefireu a mozas de fora, contan que algunha era de Santiago.

            Resultado dos namoros Florentina tivo un meniño, estaba firme que moi axiña ía casar co namorado. No medio de ledos pensamentos un parente mostroulle o meniño ó pai do mozo e díxolle: mira que netiño tan fermoso tes. E o pai sen reparar na beleza do meniño, respondeu: “endexamais será neto, o meu fillo casa mañán con outra moza”. Florentina ouveu ben semellante resposta e xa non saleu da cama. Florentina morreu de amor…

            A lauda está diante da sepultura, ó lado do muro da Igrexa, e no espacio que forma o patín da escaleira que vai ás campanas. A lauda ten na parte superior un simulacro de calavera. A Castelao emocionoulle a historia e dedicoulle o segundo libro de Cousas: A FLORENTINA, RAPAZA QUE MORREU DE AMOR NA FELIGRESÍA DE LOUREIRO. O texto da lauda di:

De la prenda tan querida

yacen aquí los despojos

y no se contienen los ojos

de llorar a Florentina García

joven desconsolada

que a los 23 años de edad

pasó a la eternidad

Diciembre día primero

de vida fue el postrero

para esta joya mal lograda

           1857

 

 (“Un recordo de Florentina García”, Faro de Vigo, 6 de decembro de 1992). 

Fotografías e vídeos