Cruceiro do adro
8 de 33

Cruceiro do adro

Cruceiro

Áchase dentro do adro, antes cemiterio, á esquerda da igrexa póndose de fronte á fachada. É o máis importante da parroquia, aínda que Castelao se fixase no que queda máis arriba na mesma aldea. Non ten data, pero é unha obra labrada por un artista que dominaba ben o seu oficio, asentada sobre un baseamento de planta cadrada con catro chanzos e, sobre o último, a base coas catro caras adornadas. O fuste é de sección circular e o capitel de inspiración corintia. Na cruz están Cristo na fronte e por detrás a Virxe co Fillo morto. Diante ten unha mesa ou pousadoiro.

Coma a maioría destes monumentos, en tempos pasados estivo policromado e está constatado que aínda en 1881 foi dourado.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            Nista parte do adro está un cruceiro valioso, coa mesa pra colocar o Santísimo na procesión do Corpus. A base da vara do cruceiro ten unhas follas copiadas con todo rigor das que adornan o dintel da porta que se coñece co nome de escaleira do tesouro, na catedral de Santiago. Hai que destacar as figuras de Noso Señor clavado e no outro lado a Virxen co Fillo no regazo. Quedan outros cruceiros que formaban un Vía Crucis, son cruces sin figuras.

            (“En Loureiro de Cotobade hai moita fe no Apóstolo”, El Correo Gallego, 25 de xullo de 1991).