Casa natal de D. Antonio Fraguas
10 de 33

Casa natal de D. Antonio Fraguas

Espazo biográfico, Espazo etnográfico

A aldea de Insuela queda a uns catrocentos metros da igrexa parroquial, tanto polos camiños de antes como polas estradas de agora. A súa casa é a primeira á esquerda, dun andar, con escaleira con patín e balcón corrido en toda a fronte. Non se acha na mesma estrada (pero si no antigo Camiño Real), senón separada varios metros, e no medio hai un hórreo (canastro, como se di aquí) que é doutro veciño, xa que o del queda dentro do quinteiro da casa. Cando naceu don Antonio a vivenda non era así, pois refíxoa o pai, que era canteiro, cando volveu de Brasil no ano 1912.

Tanto a casa como as demais propiedades deixáronllas á nai uns tíos que non tiñan familia, cos que veu vivir en 1880, cando só tiña sete anos.

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            O meu lugar chámase Insuela, un nome curioso porque non pasa por el río, nin regueiro, nin regato e pode provir dunha Insula de cristianización antiga… A nosa casa tiña o número tres, agora é o número un... A casa onde nacín daba ó camiño, chamado Camiño Real, cunha entrada para un curral con portal de ferro, entrada do carro, do gando e da xente… Preto da escaleira estaba a porta da cociña á que se pasaba pola corte da vaca do leite, o cortello das crías, a pía dos porcos e o cortello dos porcos pequenos…

            A cociña era bastante grande con forno, salgadeiro, artesa grande, louceiro coa louza de diario e lacena para gardar comida e condimentos para a cociña. A lareira alta, que non se usaba por ser máis agarimosa a baixa con trasfugueiro de pedra que lle chamabamos o trafugueiro… Unhas escaleiras levaban ó pasadizo onde estaba unha arca onde se gardaban as cousas de comer, aceite e vinagre e os ovos que ían pondo as galiñas que viñan comprar e pagaban a ducia a peseta e chica… Por unas escaleiras de madeira, fixas, subíase á sobremesa onde tiñamos dúas arcas grandes para millo e centeo e no chan as patacas… Nun caixón alto a louza da festa.

            Unha porta daba paso a un pequeno salon comedor, cunha mesa con dúas gabetas, unha arca con roupa, seis cadeiras, un butacón, un banco de respaldo, un banco sen respaldo na habitación de dúas camas, unha de ferro alta e outra de madeira, unha cómoda bastante grande, un caixote pequeno para o calzado. Unha alcoba cunha rinconeira, cama de madeira e unha cadeira. Aquí nacín eu á unha da mañá do ano 1905, día vinteoito de Nadal, festividade dos Santos Inocentes.

(“O lugar e a casa onde nacín”, Grial, 144, Vigo, 1999: 621 ss.).