Castro de Famelga
11 de 33

Castro de Famelga

Castros

            O castro pertence á aldea Famelga e queda separado da estrada a uns trescentos metros de bo camiño. Refire no artigo “As lendas da Fonte Pormás” (Nós, 1931) que nel hai unha fonte que visitan as bruxas os sábados e que tamén se di que existe un gran tesouro: “O ouro medra de tal maneira na lenda que dou pé a que os veciños de un lugar viñeran cavar unha noite pra descubrir o tesouro, e pior foi que non deron con el”.

Cando xa rematara Filosofía e Letras foi co mestre, quen lles aconsellara aos pais de don Antonio que en vez de emigrar era mellor que lle desen unha carreira ao fillo, e cos alumnos da escola de Famelga a facer algunhas catas no recinto castrexo.

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            Como abrigo do lugar [de Famelga] érguese o Coto do Castro, como centro dos aliñamentos de Monte Calvo, Pe da Mua e Pena Cadeira. O poboado moderno ven deica afincar nas defensas do castro e siguen por Campodanta (Campo da Anta) deica poñer os lindes no Pe da Mua. E punto dos lindeiros das parroquias de Loureiro e Aguasantas. O castro está amparado por tres cotos, pero a muralla defensiva vai ó redor da parte outa, deixando o remate dos tres dentro do muro. A defensa mui característica pola parte do noreste, coñecido co nome de o Serrón, inda conserva un pedazo mui pequeno do muro de aparello ciclópeo, a defensa semella como un cinturón botado por detrás do pescozo e sin abrochar, porque están desfeitas no fondo da pendente por ser agros particulares e incluso algunha casa; na parte suroeste a defensa ten un segundo escalón aberto nos penedos e semella que tivo unha segunda defensa na faldra do monte…

En espacios pequenos vense as rías de Arosa, Pontevedra e Vigo, os castros de Carballedo, Aguasantas e a Lama, e un sinal podía ser recollido dende a costa e retrasmitido a outros lugares dende eiquí…

Fai máis de medio século había unha escola instalada nunha casa situada no campo da feira e o mestre, Don Antonio Vidal Proenza, quixo facer unha leución práctica no castro e levoume de director da curta excursión. Explicado o valor do antigo poboado fixemos unha cala e apareceo cerámica mui pobre e dous pedazos de muíño de lavadoiro, que levou pra escola como material de ensino.

            (“O castro de Famelga”, Faro de Vigo, 13 de febreiro de 1988).