A aldea e a feira de Famelga
12 de 33

A aldea e a feira de Famelga

Espazo etnográfico, Capela

Fronte á parte máis importante da aldea, separado pola estrada, está o antigo campo da feira, unha fermosa carballeira cunha cruz moderna no medio (de 1991) e nun dos extremos cunha capela dedicada a San Bartolomeu e un peto de ánimas cun pequeno soportal diante que data de 1825. Arredor hai varias construcións interesantes que testemuñan a importancia desta aldea noutros tempos, cando se celebraba aquí a feira máis concorrida da contorna (desapareceu na década dos anos sesenta do século pasado).

Como quedou visto cando se falou do castro de Famelga, aquí daba clase o mestre que lles suxeriu aos pais que non emigrasen e lle desen unha carreira ao fillo. Este consello de don Antonio Vidal Proenza cambiou por completo a vida de Antonio Fraguas.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            O lugar de Famelga forma parte da parroquia de Santa María de Augasantas no concello de Cotobade (Pontevedra). Ademais do grupo humán que forma o lugar de Famelga están xunguidos a él os grupos de A Portela, unha soa morada, hoxe sin xente, o Castro, a Fonte dos Meixóns, o Campodanta e a Costide, tamén de unha soia morada e deshabitada…

Houbo en Famelga unha importante feira que se celebraba o día 24 de cada mes. Menciona a celebración da feira o P. Sarmiento no Viaxe que realizou a Ceraxe, lugar da parroquia de onde procedían familiares seus…

A tradición fala da casa, agora en ruínas, onde estivo a primeira igrexa de Famelga. Colocado no alto da sua parede estivo un reloxo de sol, con curiosas figuras. Hoxe desaparecido…

Dende fai máis dun século os cultos relixiosos celébranse na capela de San Bertolameo, chamada de Santa Lucía. É unha capela pequena de planta rectangular, bóveda de pedra o mesmo que o retábulo barroco con sinxelas columnas e capiteis corintios nos que o canteiro puxo unha cabeciña de anxo sen aas. Ten tres fornaciñas no primeiro andar. Preside a Virxe dos Remedios e ten á súa dereita Santa Lucía e á esquerda San Antonio, no medio e na cima, San Bertolameo, que ten a súa festa o día 24 de iste mes de agosto. Foi santo de moita devoción por ter ó demo preso e un gran defensor contra incendios e navegantes bañistas…

(“A festa de San Bertolameo en Famelga”, Faro de Vigo, 15 de agosto de 1991).