Igrexa e casa reitoral de Valongo
13 de 33

Igrexa e casa reitoral de Valongo

Igrexa, Espazo etnográfico

O templo é un bo edificio, coma case todos os desta comarca por ser terra de avezados canteiros, que se construíu en varias épocas, como amosa que na porta norte figure o ano 1607 e na fachada 1854. Moi interesante é a casa reitoral, actualmente deshabitada, que conta cunha magnífica portada barroca e unha enorme cheminea adornada con seis pináculos, e parte do edificio, con ameas. Ademais, antes de entrar no adro, hai un peto de ánimas semellante ao de Famelga.

Para diferencialo do patrón da parroquia, aquí ao Santo André de Teixido engádenlle “de Lonxe”, porque para ir ao seu santuario había que andar varios días. Máis importante é a festa da Virxe do Libramento, que se celebra o día anterior á de Santa María de Aguasantas, parroquia lindeira e do mesmo concello de Cotobade.

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            A parroquia de Valongo en Cotobade, ten por patrón a San Andrés e á súa festa ía, fai moitos anos, moita xente, pero había de vez en cando, grupos que, case sempre por oferta, facían pelerinaxe e ían a pe á romería de San Andrés de lonxe, como indica o seu cantar:

Fun ó San Andrés de lonxe

cunha cesta na cabeza,

fun por mar e vin por terra:

Meu santiño mo agradeza.

 

(“O San Andrés de lonxe”, Faro de Vigo, 6 de decembro de 1991).

 

            As dúas festas máis grandes que se celebran a comezos do mes de setembro eran o Libramento de Valongo e a Virxe de Augasantas. A primeira que se celebra é a de Valongo…

O río [Calvelle], sendo pequeno regueiro, diríxese para o nacente, pero o monte da Costa obrigou a baixar para o mediodía cruzando a estrada por Portapresa. En Valongo cando a seca era grande e perigaba un froito facíase a procesión coa Virxe deica ó río e ten ocorrido varias veces que antes de chegar á igrexa de volta do río xa viña a chuvia…

            A igrexa ten ó seu lado e no mesmo plano o cemiterio e o campo da festa. O campo festeiro estaba sinalado por uns marcos e nunca se pasou ó camposanto para bailar. Supoñemos que non se modificaría o costume. A festa tiña as súas vésperas cuns cantos músicos. A festa do domingo podía ser o día sete, entón a música non estaba máis que deica a posta do sol…

            A esa hora remataba o Libramento e a xente marchaba para Augasantas, para o día sete, como se chamaba a festa.

(“As festas do tempo pasado. Cita coas tradicións máis entrañables”, O Correo Galego, 15 de setembro de 1996).