Igrexa e Fonte Santa de Augasantas
14 de 33

Igrexa e Fonte Santa de Augasantas

Igrexa, Fonte

Esta parroquia ten moita sona pola romaría que aínda se celebra todos os anos o 8 de setembro, dedicada á Virxe de Aguasantas, e por un manancial que deita por debaixo do altar maior da igrexa. O actual edificio, de grandes proporcións e boa construción, comezouse no século XVI e non se concluíu ata o XVIII. No mesmo adro e cemiterio hai un calvario labrado no ano 1887.

            En Galicia existen varias parroquias con este nome, que xurdiron co gallo dun manancial que se considera con propiedades curativas, a maioría con culto dende a antigüidade e que logo foron cristianizados. O máis coñecido é o de Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz.

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            Non sabemos cando comenzou o culto a Nosa Señora, pero suponse, por tradición, que foi en época antiga, polos relatos que hai do milagre da cega… Un domingo, unha cega do lugar das Boliñas, que está preto do sitio que hoxe ocupa a igrexa de Aguasantas, conducida da man dun familiar ía camiño de Caroi, pero ó pasar cerca dunha fonte, ó pé da casa, pediulle a quen facía de lazariño que a achegase a ela, que quería lavarse. Cumprido o desexo, a cega comenzou a lavarse e tan axiña como lle chegou a auga ós ollos comenzou a ver, como se lle sacasen unha venda que lle tapaba a visión. Era un milagre. A ceguiña, guiada por un sentimento interior, foi seguindo un camiño e descubriu a imaxe da Virxe entre a broza que a cubría. Pero ademais, a estatua falou con ela, dicíndolle que quería que lle levantasen alí unha igrexa onde lle tributasen culto. Os frades de Tanorio, ou Tenorio, comprobaron que era certo canto se dicía. De acordo monxes e veciños, comenzaron a construcción dunha igrexa, coa condición de que virían a misa os domingos e outros días…

            Cerca da porta cara ó norte, está a fonte coa imaxe da Virxe e esta cuarteta:

Dios es fuente de salud

y te mira con clemencia,

pues por curar tu dolencia

puso a esta agua virtud.

 

A auga nace debaixo do altar maior e vai por un cano á fonte, onde durante moito tempo houbo unha culler de ferro con cadeíña para poder beber. Debaixo da estrofa figura a data de 1888.

(Romarías e santuarios, Ed. Galaxia, Vigo, 1988: 285 ss.).