Santuario das Ermidas ou da Fonte Santa
15 de 33

Santuario das Ermidas ou da Fonte Santa

Fonte, Ermida

A primeira referencia documental verbo da existencia deste santuario é do ano 1733, polo que é de supoñer que, coma o anterior, talvez xa no mesmo sitio se celebrasen cultos relacionados con auga dende antigo. Atópase no monte Ceo, a uns dous quilómetros da parroquia de Antas.

Ademais do santuario e do cruceiro, na carballeira chama a atención que en varias mesas consten os nomes dos propietarios; desta maneira, están reservadas para xantar o día da festa. Nalgún caso, como non se puxeron de acordo, a disputa pola propiedade chegou aos tribunais: “Mesa propiedad de don José Domínguez Aballe. Reconocida por sentencia judicial de fecha 31-X-80”.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            As Ermidas é un santuario de amparo ó emigrante é tamén coñecida co nome de Fonte Santa polas nove fontes que teñen a Virxe á súa beira como indican istes versos:

Na metade deste monte

a Virxe Santa apareceu

ó ladiño desta fonte.

            Alí están as nove fontes e ó pé de tan gran manantial está como formal testigo unha imaxe da Virxe…

O santuario pertence á parroquia de Santiago de Antas, no Concello da Lama. Debe ser un lugar de culto ás augas e foi cristianizado, dando lugar a unha das grandes romarías da provincia de Pontevedra. As augas figuran como curativas de doencias especiais como para curar mal de ouvidos e principalmente para atencións e curas da mañán de San Xoán; o valor curativo está indicado así:

Os oídos con xordiña

con esta auga

cúranse axiña…

O santuario está formado por unha capela construída nun descanso da baixada do monte onde dividen as augas pro Verdugo, á dereita mirando ó norte, e pro Oitavén ó sur… A capela ten ó seu lado unha espléndida carballeira… O cruceiro é unha obra de gran valor artístico… Temos que comentar a parte máis nova das Ermidas: o monumento ós emigrantes… moi perto da capela, da que a separa a estrada, no cerro da divisoria de augas encima de dous grandes bloques de pedra de gra, de moitas toneladas de peso cada un, o escultor Buciños coloca tres figuras, dous homes e un rapaz; é o intre derradeiro da despedida dándose a man os homes e o rapaz xa dando o primeiro paso da marcha.

 

(“No encanto montesío das Ermidas. Unha das grandes romarías de Pontevedra”, O Correo Galego, 11 de agosto de 1996).