A capela e o carballo do Pelete
17 de 33

A capela e o carballo do Pelete

Espazo etnográfico, Arbore Singular, Ermida

Don Antonio sabía da festa do Pelete, pero non achamos ningunha alusión a ela (o que non quere dicir que non exista) na súa vasta e variada obra. Ás carballeiras dedicoulles algúns artigos, así como tamén aos arrieiros.

            O santuario do Pelete atópase no antigo camiño do Ribeiro a Pontevedra e era frecuentado polos arrieiros que transportaban o viño. Precisamente a súa historia relaciónase cun milagre que realizou a Virxe a un deles, quen fixo a promesa de darlle unha cantidade de viño todos os anos mentres vivise. A tradición mantívose ata os nosos días e para gardar o viño está a “adega da santa”, na que hai unha cuba que data de 1799.

A ermida, dedicada á Virxe dos Remedios, está no medio dunha antiga carballeira (agora moi minguada). O día da festa, por tradición, sempre se deixa algún viño na cunca para botarlle a un dos carballos, o máis vello e corpulento, talvez un dos últimos exemplares dun bosque sagrado anterior á romaría cristiá.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            Galicia foi terra de moitas e moi boas carballeiras, pero da gloria do pasado non queda máis que un recordo, conxuntos de varios miles de carballos, non queda máis que o nome, un topónimo raro pra quen busque os restos de tan potente conxunto e non vexa nin un soio exemplar como testemuña do pasado. A Carballeira podía ser de el Rey, de unha entidade, Concello, Cabildo, Orde Relixiosa, Santuario e de un ou varios particulares.

            Os santuarios conservan exemplares milenarios, non sabemos se corresponden a lugares cristianizados, lugar de culto pagán do que se conservan históricos exemplares, en parte mutilados polos axentes atmosféricosa, ventos e raios…

            Pasou a nosa infancia na beira de unha fermosa carballeira que comprendía tres partes: a Carballeira que ia dende as casas do lugar deica a Fonte do Foxo; a segunda, dende ista liña deica Trascornas, é o Viveiro, e a terceira formaba a Carballeira de Cornas…

            Había carballos distinguidos: o landreiro, o dos escarabellos, o das arrandeadoiras. Eran material de carro, pra chedeiros e rodas. Pois aquela retesía desapareceo, xa non viría a conto a promesa: heiche de tocar as cunchas / naquela carballeiriña. A vella carballeira non é máis que un toxal con uns carballos.

(“A vella carballeira”, Faro de Vigo, 21 de agosto de 1989).