Eira de Loureiro de Magros
21 de 33

Eira de Loureiro de Magros

Espazo etnográfico

O mesmo que os lugares anteriores, tampouco temos noticia de que don Antonio lle dedicase algún artigo ou que nomee esta aldea. Pertence á parroquia de Beariz de Montes e, coma outras da contorna, cada vez conta con menos habitantes, segundo o último censo só ten 140.

            A falta de poboación levou ao abandono do campo e da gandaría. Boa mostra é a “Eira grande“, na que podían mallar os cereais todos os veciños, rodeada por nove magníficos hórreos de construción mixta, é dicir, a estrutura e a cuberta de pedra e o resto de madeira, dos que actualmente non quedan máis que os esqueletos.

            Nesta eira, coma noutras de carácter comunitario, antes da difusión do cultivo do millo era onde se mallaba o centeo e o trigo; logo, coa chegada do cereal americano, aproveitouse para facer a esfolla e o terreo circundante para construír os hórreos.

            Don Antonio non fala de Magros, pero si da malla e do abandono dos hórreos.

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            A eira é un espacio necesario ao lado da casa onde se vive e onde se realizan determinados traballos relacionados coas labouras de herbas e froitos… O baile na eira é o remate final de un traballo, en parte, realizado na eira.

            O espacio que está dedicado a eira, pode ser terreño, de lousas naturales ou de laxas de canteiría, istas son as mais lucidas. A terreña hai que preparala bastante, con barro e con excremento de vacuno… Realmente era a malla a primeira laboura que se facía na eira. Xuntábase o centeo nunha meda grande ou en duas, asegún a colleita, e o día da malla abríase a meda e colocábanse os monllos ó sol pra que o calor dera o grado outimo de maduración e a palla soltara con mais facilidade o gran e non quedara ningún na palla.

(“A eira”, Faro de Vigo, 29 de agosto de 1989).

 

            Fai moitos anos, cando o canastro era unha construcción imprescindible pra gardar o maís… Situado na eira con boa orientación pra que os ventos pasen ben as regandixas feitas na pedra ou na madeira, queda libre no mes de xuño ou xullo metendo o gran en arcas. Agora está á espera da colleita pra verse cheo de espigas…

            O canastro podía ser de unha soia familia ou de dúas, istes eran de dous tullos e tiñan as portas nas cabeceiras… O emplazamento do canastro podía ser un muro pola outura pra coller máis e millor vento e pra ser máis visible o seu poder económico… Unha dependencia caseira tan importante será preciso buscarlle aplicación nos novos tempos, no mañán máis próximo, se non volven as espigas do maís.

(“Canastro sin espigas”, Faro de Vigo, 26 de agosto de 1989).

Fotografías e vídeos