Pazo dos Losada-Diéguez
22 de 33

Pazo dos Losada-Diéguez

Pazo

O pazo ou casa grande onde naceu Antón Losada Diéguez aínda se conserva en bo estado, tanto no que atinxe á estrutura orixinal do edificio, incluso a capela, como tamén ao interior, co mobiliario e demais obxectos antigos, entre os que destacan a biblioteca e o arquivo do intelectual boborés; quen, segundo recoñecía don Antonio, foi quen máis influíu no seu pensamento, primeiro no instituto de Pontevedra e logo como compañeiro de angueiras no Seminario de Estudos Galegos.

            Actualmente ocúpase da súa conservación a fundación que leva o nome do ilustre galeguista, á que llo cederon os herdeiros coa condición de que, ademais de ser a sede da mesma, se converta nun museo semellante ao de Otero Pedrayo en Trasalba.

            Neste pazo é onde se celebra, no mes de xuño, o acto da entrega do premio que leva o nome do intelectual, que convocan todos os anos os concellos de Boborás e O Carballiño e a Deputación Provincial de Ourense.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            Don Antonio naceo o día 22 de Nadal de 1884, na parroquia de San Mamede de Moldes, no pazo da Chousa. Foi de pequeno pra a Estrada onde seu pai, don Miguel, foi Notario e un dos que orgaizaron a sociedade do Casino do que foi Presidente. Reiteradamente faise mención do pensamento tradicionalista da familia, pensamento que viña de antigo… Graduado en Letras na Universidade de Deusto, volve pra Galicia e na Universidade de Santiago exerce como Profesor Axudante de don Armando Cotarelo Valledor… Ó mesmo tempo Losada estudia Dereito e na Facultade está don Salvador Cabeza de León, gran amante de todo canto se relacione con Galicia…

            En Ourense foi axiña amigo de Vicente Risco, Cuevillas e Otero Pedrayo, Arturo Noguerol e Leuter González Salgado. Era o grupo de mozos xentes mui cultas un tanto metidos na cultura francesa e todos moi elegantes… No curso 1919 xa deixa Ourense, pero deixa un mundo novo, os homes da CENTURIA van ser agora os homes da Revista NÓS, unha xeneración nova no pensamento do mundo galego. A Revista NÓS foi pensada por Losada, Risco e Castelao, o gran amigo pontevedrés… En Pontevedra foi o gran realizador de ideas…

            …Veleiquí unha nota da vida do mestre e amigo que no día do seu enterro Castelao dixo chorando: “Alá nos vai o noso mestre, temos de facerlle un libro… un gran libro”. Del faloulle tamén a Otero Pedrayo, pero non tivo tempo de facelo por culpa da emigración.

            (“Don Antonio Losada Diéguez”, Outeiro, 15, Caixa Galicia, A Coruña, decembro de 1984).