Listanco
26 de 33

Listanco

Espazo biográfico

O avó paterno de don Antonio, coma moitos homes da comarca cotobadesa, era un canteiro ambulante que ía a onde houbese traballo. Un deses sitios foi a aldea de Listanco, no concello de Maside, onde coñeceu unha moza, María Carmen Vázquez Gómez, coa que casa o 17 de xaneiro de 1873. A filla máis vella, María Teresa, aos sete anos foi para Loureiro a coidar uns tíos que non tiñan familia.

No ano 1931 dedicoulle o artigo “Do folk-lore de Armeses-Listanco”, publicado na revista Nós, no que consta que os deseños son de Xaquín Lorenzo e que os informantes son todos parentes seus.

A construción máis importante da aldea é o pazo ou casa grande de Listanco, de comezos do século XIX.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

Coas augas do regueiro que baixan pol-o outeiro do Neo, moen os muíños de Listanco, que dan fariña d’abondo. Eiquí o muíño non ten a importancia de outras partes de Galicia, porque as xentes non comen pan de broa, máis que nos comenzos da anada; a laboura da terra encamiñase â percura do viño e van debecendo os eidos de millo, quedando reducidos á cativas leiras de lentura nos agros do Areal e outras, esparexidas antre as viñas, que zugan os mellores terróns. A xente prefire mercar o pan a cotío e coller viño d’abondo…

As xentes dan como segura a eisistencia das meigas e relatan os seus feitos como cousa de todos coñecida. Atravesan os camiños, e viaxan pol-o aire alomeando en tres ringleiras, percurando atopar alguén que non crêndo na súa forza teña de acompañalas e facer cantas cousas se lle antoxen sin que endexamais poidan averigoar os vieiros que levaron nin que forzas os arrumbaron de unha banda para outra.

            Asin contan que unha noite ían tres amigos por un camiño e ouviron uns berros que non sabían por que banda cadraban. Decatáronse de que o feito era das bruxas e marcharon calados un bó anaco de camiño, deica que os berros non foron ouvidos. Cando xa tiñan bó de chegar âs súas casas, un asubiou, e no intre as bruxas erguérono e levárono á un campo, alí preguntáronlle por onde quería camiñar aquela noite xa que tiña de seguir os seus mandados, e tiña dous vieiros: a terra e o aire. O home escolleu ir pol-o aire e levárono ô Miño, e alí o tiveron toda a noite no meio do río. De mañán cedo trouxérono perto da casa deixándoo no adro de unha eirexa.

(“Do folk-lore de Armeses-Listanco”, Nós, Ourense, 15 de decembro de 1931).