Igrexa de Armeses
27 de 33

Igrexa de Armeses

Igrexa, Espazo biográfico

É a parroquia á que pertence a aldea de Listanco, da que as principais construcións son a igrexa (do século XVIII, agás parte do presbiterio, que é anterior) e o pazo de Listanco (de comezos do século XIX), cun hórreo de pedra dos máis grandes da zona, malia que aquí case todos son de madeira, agás os pés. No cemiterio de Armeses están enterrados os avós maternos, Miguel Fraguas (natural de Loureiro) e María Carmen Vázquez (desta parroquia), así como curmáns e outros parentes.

Das primeiras palabras de don Antonio no artigo sobre Listando dedúcese que tiña pensado facer o mesmo sobre toda a freguesía, pero non existe constancia de que publicase algo máis, nin tampouco se conservan os apuntamentos, se é que chegou a recadar información.

Aínda que o artigo se cingue a Listanco, tanto a nomenclatura do muíño, como as lendas das meigas, os contos e as cantigas eran coñecidos en toda a parroquia.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

Tendo recollido unhas cantas notas de folk-lore na freguesía de Armeses, dámolas â pubricidade coa espranza de amprialas en novas xeiras que fagamos á istas terras…

A ENTRADA NO CEO

            Fai anos morreu un home e foi petar âs portas do outro mundo. Chegou ô inferno e non lle deron paso, chegou ô purgatorio e tampouco lle deron entrada. Canso de camiñar foi bater âs portas do Ceo e abriron a porta. Un home de barbas mirou un grande libro.

            Pra entrar tés que vir á cabalo.

            Marchou en dreitura â terra e no camiño atopou o crego da parroquia que ía pra o ceo; saudáronse e o crego perguntoulle porque tornaba â terra.

            Pois mire, vou buscar un cabalo, porque no Ceo non deixan entrar sin ir á cabalo.

            Moi ben, vólvete, xa fica arranxado. Ô chegar a porta do Ceo tí poste a cabalo de min i-entramos.

            Chegaron âs portas do Ceo e abriron axiña. O home de barbas fitouno e dixo:

            O cabaleiro pode pasar, o cabalo que quede fora.

(“Do folk-lore de Armeses-Listanco”, Nós, Ourense, 15 de decembro de 1931).