Casa museo de Don Ramón Otero Pedrayo
29 de 33

Casa museo de Don Ramón Otero Pedrayo

Casa Museo

A casa grande de Trasalba foi doada ao pobo galego por Ramón Otero Pedrayo e converteuse dende entón en museo e lugar onde se desenvolven actividades relacionadas co antigo propietario e a súa obra. Don Antonio estivo alí varias veces dada a súa relación con don Ramón dende a época do Seminario de Estudos Galegos. Tamén despois do seu pasamento, ao ser galardoado o amigo Xaquín Lorenzo co Premio Trasalba, en 1983, do que se encargou de facer o eloxio, e dous anos máis tarde, o 9 de xuño, ao serlle concedido a el, sendo neste caso “o irmao Xocas” quen fixo a loanza.

Dedicoulle varios artigos, entre eles o segundo que publicou en galego despois da Guerra Civil, “Paisaxe e historia nas conversas de D. Ramón Otero Pedrayo”, no libro colectivo Ramón Otero Pedrayo: a súa vida e a súa obra (Caracas, 1958).

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            Don Ramón Otero Pedrayo foi un dos grandes mestres de xeografía que explicou doadamente o conceuto de paisaxe xeográfico, combinación dos variados fautores do relevo, vexetación, crima, traballo humán, fauna e camiños, todo dentro de uns horizontes determiñados…

Comenza describindo a paisaxe, unha paisaxe como exemplo, o que se descubre dende o lugar de Cima de Vila na parroquia de Trasalba. A ouservación ten os lindeiros nos horizontes…, pero o punto primeiro de ouservación é a solana da súa casa, o primeiro que facía Don Ramón era mirar as difrentes coloracións dos líquens. Na lonxanía, no horizonte as serras con un aspecto que semella estar sin ningunha vexetación. É un gran engano porque están cubertas de maquis de xesta e toxo…

Misterioso horizonte paisaxístico con neboas repousadas trilladas por luces de invernía na serán curta que baixa pra noite decembriña, despedindo raxeiradas que tran as noites de vello fiadeiro, fría, de xiada, de campos brancos como de neve. Don Ramón é o gran creador de iste novo concepto xeográfico.

(“Don Ramón, o xeógrafo das paisaxes”, Outeiro, 28, Caixa Galicia, A Coruña, marzo de 1988).

            E cerramos ista lembranza co recordo do corpulento árbol do xardín do pazo de Don Ramón, en Trasalba, que foi plantado co seu nacemento, derrubado por un forte remuíño, pouco denantes da súa morte e das tábuas dos seus toros fíxose o cadaleito no que o corpo de Don Ramón recibeu sepultura no panteón familiar do Camposanto de Ourense. O árbol, calquer árbol, ten sempre un señorío grandioso, señorío que ben poucas veces se lle reconoce.

(“Señorío antropolóxico do árbol”, Día da Árbore, Xunta de Galicia, Delegación de Agricultura / Concello de Lugo / Adelpha, 1986).