O gaiteiro de Soutelo
31 de 33

O gaiteiro de Soutelo

Punto de paso

Soutelo é unha vila situada na estrada xeral de Ourense a Pontevedra, antes era parada obrigada para os arrieiros e os carromatos turrados por cabalos. Celebrábase aquí unha soada feira o último mércores de mes. Aínda hoxe en día perdura a lembranza do “Gaiteiro de Soutelo”, Avelino Cachafeiro, natural deste lugar (1899-1972).

 

Don Antonio escribiu varias veces sobre os gaiteiros, entre eles o de Soutelo, que foi tocar algúns anos á festa de San Roque de Carballedo. E tampouco se esqueceu do veciño Ricardo Portela, cotobadés de Viascón, ao que, ademais de dedicarlle un artigo, tamén lle escribiu un texto para a contraportada do disco Alborada en Cotobade (Edicións Discográficas Galegas, Santiago de Compostela, 1990).

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            Soutelo é un conxunto garboso emplazado na Terra de Montes, que dou nome á bisbarra, nas beiras de camiños de fondo siñificado económico, camiños de arrieiros, de feirantes, de paso de carromatos e de canteiros que o Cantigueiro celebra pola subida da costa do Paraño. Ten toda esta comarca xusta fama de grandes contratistas que inda hoxe levan a palma no desenrolo de obras da máis difícil execución e non falta nunca o remoquete artístico… Pero non podía faltar o sublime arte musical, e con notas musicales marca compases de lenda que ten vivencias en moitas terras, de cerca e de lonxe, onde o son da gaita queda como o ouro encantado nos castros que se vai facendo cada vez máis puro, máis brilante e superior a calquer ouro que anda bailando a usura e a cobiza no mundo enteiro. A música ten un nome: Avelino, o Gaiteiro de Soutelo…

O grupo de gaitas, tambor e bombo, ou gaita e flauta, acompañábase de cantigas, foi o primeiro grupo músico vocal que, con arte e bon humor, andivo de festa en festa por toda Galicia. Do seu humor é mostra a súa presentación:

O gaiteiro de Soutelo

un raio de Dios o mate,

non quere tocar a gaita

se non lle dan chocolate.

            Era un gran improvisador de coplas pras xentes que o escoitaban e tiña unha mirada pras mozas que todas eran suas ademiradoras. Escoitamos decir a unha rapariga que somentes con mirar gañaba a simpatía dos corazóns…

 

(“O gaiteiro de Soutelo”, El Correo Gallego, 26 de agosto de 1977).