Santuario da Virxe de Guadalupe
35 de 33

Santuario da Virxe de Guadalupe

Igrexa

A Virxe de Guadalupe máis coñecida é a de Rianxo, pero en Galicia hai varios santuarios con esta advocación mariana, á que xa profesaban moita devoción os devanceiros, como amosa un testamento de 1402, no que se manda ir en peregrinación á “Santa Maria de Agua da Lupe” de Estremadura.

            Da orixe do santuario da Grela sábese pouco, unicamente que existía unha ermida que se substituíu pola actual a mediados do século XVIII (dáse como data probable o ano 1748). Coma a inmensa maioría das nosas romarías, esta tamén se celebra á sombra dunha carballeira.

            Nesta parroquia deu un mitin don Antonio o 14 de xuño de 1936 a prol do plebiscito do Estatuto de autonomía.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

Nunha altura do monte Arnau, cerca da Grela, atópase o santuario da Virxe de Guadalupe. Quizais foi traída a Codeseda esta devoción por algunha familia de Rianxo emparentada con alguén de aquí. Tivo unha pequena ermida e foi tan importante a esmola recollida que poucos anos despois xa se facía a capela actual, rematada a fins do século XVIII. É unha igrexa de planta de cruz latina, de grandes proporcións, que demostra a importancia da peregrinación da xente a esta romaría.

            A festa de Guadalupe celébrase nos días 7 e 8 de setembro. Foi lugar concorridísimo de xentes da comarca estradense e de Forcarei, Soutelo de Montes, Cerdedo, Cotobade, e tamén de moitos mariñeiros que se ofreceron en horas de perigo nas faenas de pesca ou en travesías nas viaxes a América. Estas últimas deixaban curiosos exvotos relacionados co mar.

            Foi romaría de mortallas e a ela levaban por ofrenda unha caixa que habían de ocupar se morreran, donativos que despois vendían, pasando os cartos para a Virxe. Había tamén os hábitos de homes, mulleres e rapaces, que se alugaban e levábanse postos na procesión. Tamén se daban velas e outras cousas, ademais de esmolas en metálico. A pesar do decaemento, a romaría seguiu tendo moita xente, máis do interior que da costa. A ermida está emprazada nunha altura dende onde se divisa o mar.

            As xentes ofrécense á Virxe de Guadalupe por calquera razón interesante que ocorre nun momento, ou para buscar axuda nun intre determinado.

(Romarías e santuarios, Ed. Galaxia, Vigo, 1988: 349 ss.).