Torre de Guimarei
36 de 33

Torre de Guimarei

Castelo, Pazo

Cando don Antonio era profesor no Instituto da Estrada (1933-1936), dende o casco urbano ata a torre había máis dun quilómetro, que actualmente é moito menos tendo en conta o que medrou a vila.

            Trátase dunha torre medieval do século XII, cadrada e de dez metros de altura, a carón da que se construíu no século XVII un pazo de planta baixa, pero dende hai moitos anos ambas as dúas construcións están en ruínas.

            Durante a súa curta estadía, don Antonio visitou varias veces a torre, xa daquela abandonada, coa ilusión de que algún día a adquirise o Concello ou outra institución para convertela no Museo de Tabeirós ou da Estrada. Os primeiros obxectos con que contaría ían ser os achados das catas que facía co alumnado nos castros da contorna.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

Fai anos, non moitos anos, a Torre de Guimarei quedaba arredada do pobo… Non sei se a torre poderá ser restaurada non pra establecer a vixilancia da custodia da vila pero si pra un noble servicio que podía prestar. Hai algunha torre transformada en parador, outras en museo co que eu soñei un día dándolle como primeiros ouxetos canto atoparamos nos castros onde fixeramos pequenas catas. Aquelo foi un soño e a torre era lugar de unha granxa que un día visitamos o profesor Mosquera Caramelo e mais eu con un grupo de alumnos. Bueno os soños non son máis que iso, soños; pero quen sabe se outro día alguén soña ó redor da Torre de Guimarei.

(“Un recordo de aquela Estrada”, Faro de Vigo, 24 de xuño de 1992).

            O castro foi unha verba máxica para os alumnos que fixeron con nós visita e cavamos duro e tendido. En algún o dono non nos deixou cavar e outro propietario por haber cavado bastante na leira o dono aproveitou o traballo en renovar a leira; percorremos un e outro e fixemos o catálogo completo dos castros da comarca; polo camiño de Codeseda chegamos ós castros dos lindeiros; conseguira xuntar un pequeno museo e coa guerra perdeuse todo…

            (“Na visión do castro”, Faro de Vigo, xuño de 1998).