A Estrada
37 de 33

A Estrada

Espazo biográfico

A Estrada é unha poboación moderna que naceu nun cruzamento de camiños, tanto é así que ata 1841 non foi elixida capital do concello, que se traslada entón da parroquia de San Xurxo de Cereixo. Por estes anos comezou a experimentar unha mellora notable, como amosa o feito de que o 6 de xullo de 1859 xa se lle conceda o título de vila.

            Don Antonio chegou a finais de 1933 e estivo ata xullo de 1936, data en que foi separado do ensino polos sublevados. Ademais de secretario do centro, desempeñou un encomiable labor como animador cultural: impartiu el conferencias ou trouxo a outros intelectuais, organizou excursións etc. No mes de setembro de 1936 foi humillado publicamente, obrigado a beber aceite de rícino e a levar polas rúas a bandeira da Falanxe cantando o “Cara al sol”. Non volveu ata o 30 de agosto de 1959, cando os ex-alumnos organizaron unha homenaxe aos profesores que deran clase no desaparecido instituto.

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            Dos centros urbanos de Galicia que máis aumentaron pensamos que é A Estrada. Fun a ista vila como profesor cursillista no ano 1933 e deixei de prestar servicios no xa Instituto de Ensino Medio no ano 1936. Eu utilicei dous camiños pra ir deica o pobo: a carretera que vai por Vea ou de Ourense deica Balboa…

Exercín de Secretario do Colexio, que foi o primeiro centro de Ensino Medio, logo Instituto Elemental e derradeiramente, Instituto de Segunda Ensinanza…

Fai anos, non moitos anos, a Torre de Guimarei quedaba arredada do pobo, das ruas da vila, pero a Vila medrou de tal xeito que pra coñecela o meu amigo Matalobos, paseoume por ela mostrándome as súas rúas e medrou tanto o seu plano que ben pouco se parece a aquel croquis que ensinaba eu pra decatarse dun plano e un poblado, vila ou ciudade, e na súa expansión colle a Torre, agora noble símbolo no escudo da Estrada…

... Eu percorrín moitos camiños de monte sin chegar nunca a Lagoa Sagrada, que ó parecer secou, fenómeno que estará rodeado de algunha lenda máis ou menos misteriosa. Visitei algúns castros e fixen algunhas prácticas de excavacións en varios lugares castreños.

(“Un recordo de aquela Estrada”, Faro de Vigo, 24 de xuño de 1992).

            Nós seguimos lembrando aquelas festas da Estrada do ano 1936, seguimos figurando un paseo pola Plaza onde estaba o casino e rematamos alí xuntando un feixe de vivencias dos tempos idos, sentindo moito, moito, a morte dos amigos.

            (“Na Estrada de fai sasenta anos”, Faro de Vigo, 23 de xuño de 1995).