Sobreira da Casa de Valiñas
38 de 33

Sobreira da Casa de Valiñas

Arbore Singular

            No concello da Estrada hai cinco árbores e dúas formacións senlleiras. Dúas das primeiras e das segundas están no pazo de Oca (camelia elegante, criptomeria elegante, o buxal e a carreira dos tileiros) e tres árbores illadas noutras tantas parroquias: dúas sobreiras (en Balboa e en Callobre) e un abeto branco (en Arca).

            Don Antonio, que nas súas publicacións se laia das antigas carballeiras que desaparecían, dos castiñeiros que secaban e ata dun sabugueiro ou bieiteiro que había nunha das hortas da rúa compostelá de Xelmírez, que “botaba a súa fermosa roda frolecida por riba da parede que cerraba os dominios da Casa da Balconada” (“O bieiteiro da rúa”, Faro de Vigo, 21-VI-1989), tamén se parou a admirar unha das árbores estradenses, en particular a sobreira do pazo de Valiñas.

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

Quero destacar dentro das imaxes grandiosas a Sobreira da Casa de Valiñas, da ilustre familia dos Cervela, árbol milenario polo que sinten un profundo cariño e tiveron grandes disgustos cando algún ventarrón traidor lle quebraba unha poleira. Na súa sombra parlamentaron políticos, cregos, fidalgos e algún obispo. Visitárona botánicos, turistas curiosos, estudiantes, verdadeiros ecoloxistas e curiosos de contemplar unha árbore tan señorial.

(“Un recordo de aquela Estrada”, Faro de Vigo, 24 de xuño de 1992).