Pazo de Oca
39 de 33

Pazo de Oca

Espazo biográfico, Pazo

  O pazo de Oca é ben coñecido, tanto polas súas construcións barrocas (dos séculos XVII e XVIII), como polos estanques, pontes e xardíns, nos que medran moitas árbores, entre as se atopan dúas senlleiras (unha camelia elegante e unha criptomeria elegante), ademais de dúas formacións, unha de buxos e outra de tileiros.

            Don Antonio estivo varias veces dentro e fóra do pazo, pero da que máis se lembraba era dun mitin que deu diante do pazo o día 13 de xuño de 1936, o día do seu santo, que é o patrón da capela, e da anécdota de cando se dirixiu ás mozas para pedirlles o voto a prol do Estatuto.

 

NAS PALABRAS DE ANTONIO FRAGUAS

            E quen percorra istes camiños gardará unha lembranza firme da Mota e do Pazo de Oca, onde non se empleou a orde de seguimento escrita no outro esquinal: PROSIGA, con xardíns que non superan en beleza os de Versalles.

            (“Un recordo de aquela Estrada”, Faro de Vigo, 24 de xuño de 1992).

            Dá mitins a favor do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, participando en varios co seu amigo Castelao. Lembra que o día do seu santo, o 13 de xuño, falaron na parroquia de Oca, diante do pazo do mesmo nome, que é onde se celebra a festa. Había moitas mozas —por algo o santo portugués se ven considerando “casamenteiro”— e Fraguas, dirixíndose a elas, díxolles que se non votaban a favor do Estatuto igual as castigaba o santo e quedaban solteiras. Que pensasen ben o que ían facer…!

            (C. GONZÁLEZ PÉREZ: Antonio Fraguas. Profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo. Galego de ben, Ir Indo Edicións, Vigo, 1998: 24)

            As festas da Oca e as Festas da Estrada gardan para min no seu donaire a estampa de un estimado paseo da miña xuventude.

(“Un estradense digno de recordar”, Faro de Vigo, 12 de xaneiro de 1995).