Ferrol: Casa natal de Ricardo Carballo Calero
Espazo biográfico rúa San Francisco, 51, FerrolRicardo nace o 30 de outubro de 1910 no nº 51 da rúa de San Francisco no
chamado Ferrol Vello. A casa dá á Praza Vella onde se celebra unha feira
mensual. Eran seus pais María Dolores Calero Beltrán e Ricardo Carballo Naya e
seus irmáns Mario, Dolores, Josefina, Ángel e Gabriel. A familia goza dunha boa
situación económica e viviu noutras casas da mesma rúa San Francisco e tamén na
rúa Real mentres os veráns alugaban casa en Serantes e na Cabana. Ricardo viviu
en Ferrol 30 anos e sempre estivo moi orgulloso da súa orixe mariñá e da súa
identidade ferrolá. No seguinte poema, Ricardo evoca os días da súa nenez.
FERROL 1916
Cinco duros pagábamos de aluguer.
Era un terceiro andar, ben folgado.
Pola parte de atrás daba para o Campiño,
e por diante à rua de San Francisco.
No segundo vivia a miña tia aboa:
tiña unha peza cheia de paxaros disecados
que só abria os dias de festa
para que os nenos disfrutásemos nela.
Ainda vivia a miña nai
e todos os meus irmáns vivian,
e en frente traballaba o señor Pedro o toneleiro,
e a grande tenda de efeitos navais mantiña o seu trafego.
Na casa tiñamos pombas
e, por suposto, un grande gato mouro;
e o meu pai era novo ainda
e no mar do mundo cada dia descobria eu unha illa.
Via o mar da miña fiestra,
e chegaban cornetas da mariña.
E baixaba os degraus duas veces ao dia para ir à escola,
e duas veces rubia-os de volta.
As mulleres entón usaban capa e corsé,
e íamos à aldeia en coche de cabalos,
e a rua estaba ateigada de pregóns de sardiñas
e de ingleses que vendian Bíblias.
Eu tiña un pacto con Deus:
que ninguén dos meus morreria.
E o pacto era observado,
e eu confiaba na perenidade do pacto.
Todo isto fica tan longe
que aduro podo ainda lembrá-lo.
Esqueceria-o dentro de pouco tempo
se non escrebese estes versos.
Futuro condicional (1961-1980), 171-172 (Sada: Ediciós do Castro), 1982.