CASA NICOLÁS LÓPEZ CANCELA
Edificio singular Rúa Real, 73 - Ares (comarca de Ferrol - A Coruña)Ano de construción: 1922.
Promotor: Nicolás López Cancela, emigrante aresán na Habana, chegou a ser propietario dun dos locais de moda no ocio da cidade, o "Sloppy Joe's Bar".
Estilo: ecléctico
Características arquitectónicas:
Trátase dunha casa urbana, cunha volumetría moi sinxela, feita a partir da remodelación dunha vivenda xa existente: un cubo con pequenos elementos engadidos como son as galerías, dúas pequenas bufardas e uns estreitos balcóns. É de planta cadrada, con tres andares e as súas tres fachadas son moi similares.
Na fachada principal hai no primeiro andar dúas galerías, unidas por un balcón, e no segundo andar un longo balcón corrido, que aporta horizontalidade ao conxunto e destaca pola forxa con elementos decorativos vexetais. A cornixa con motivos xeométricos e vexetais, a modo de encaixe, oculta a cuberta a dúas augas.
Fonte: ANATOL SEOANE, Bernardo; ARDÁ SUÁREZ, A. Carlos (dir.) (2000): Indianos. Arquitectura da emigración na península de Bezoucos: Ares, Cabanas, Fene e Mugardos, Fene, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.