Cruceiro de Canido (Ferrol)
CruceiroOs peregrinos que inician a ruta xacobea en Ferrol
cara a Santiago poden ver na praza de Canido unha obra vistosa e de bo porte, con imaxes de calidade e
boa labra de Cristo e a Virxe da Piedade. A efixie de Cristo, de formas tradicionais,
aparece coroada de espiñas baixo unha cartela de INRI, as mans abertas e os pés
cravados xuntos. A Virxe da Piedade amosa o Fillo no seu colo nunha típica composición
romboidal.
Obra do ano 1938, leva un varal de
sección octogonal e un capitel decorado con volutas esquinais e flores de catro
pétalos no ábaco. Trátase do quinto exemplar erixido na praza desde
época medieval, o que amosa a persistencia no tempo dun tradicional cruceiro nun
lugar onde se continúa a celebrar a festa relixiosa da Exaltación da Santa Cruz
o día 3 de maio; o cruceiro adórnase con numerosos motivos florais como
tradicional celebración dos Maios, festas agrarias e estacionais que saúdan a
chegada da primavera.