Museo de Pontevedra (Pontevedra)
5 de 6

Museo de Pontevedra (Pontevedra)

Museo

O Museo de Pontevedra abriu as súas portas no ano 1929 e dende entón as súas coleccións non pararon de medrar, ata ocupar actualmente seis edificios; o máis recente de todos, de nova construción, inaugurouse no ano 2013. 

Precisamente neste edificio, entre a excelente colección de escultura que se mostra na exposición permanente, atopamos unha imaxe da Virxe do Leite, datable a fins do século XIII ou a inicios do XIV. Aínda que se atopa mutilada pois faltan as cabezas do Neno e da súa Nai, podemos apreciar a excelente calidade da talla e a elegancia do movemento das figuras, moi típico do chamado gótico internacional. De feito, trátase dunha imaxe de importación realizada por un obradoiro do norte de Francia para o Hospital de San Xoán de Deus de Pontevedra. 

A elección desta iconografía para un hospital é bastante habitual xa que nela se fai alusión ao leite curativo da Virxe. Do mesmo xeito que as imaxes da Virxe do Leite das portadas das igrexas aludían á curación e alimento espiritual dos fieis, no caso dos hospitais esta idea complementábase coa esperanza da curación do corpo pola intercesión da Virxe. 


Fotos: Museos de Galicia