Mosteiro de Santa María (Ferreira de Pantón)
1 de 7

Mosteiro de Santa María (Ferreira de Pantón)

Mosteiro

Santa María e San Salvador de Ferreira debeu de nacer en época altomedieval como o típico mosteiro familiar con unha comunidade dúplice. En mans dos seus patróns laicos continuou durante case todo o século XII chegando incluso a quedar sen unha comunidade regular. Unha nova etapa para Ferreira iniciouse no ano 1175 cando dona Fronilde Fernández decide reformar o mosteiro instalando nel unha comunidade de monxas seguindo a regra do Císter e baixo a custodia espiritual do mosteiro, tamén cisterciense, de Meira.

A idea da restauración do mosteiro xa debía de estar, sen embargo, na mente dos seus donos laicos xa que cara 1165-1170 iniciáronse as obras da nova igrexa seguindo un plan sinxelo, unha única nave con ábsida semicircular na cabeceira, pero ambicioso polo que respecta á súa articulación arquitectónica e decoración escultórica. A calidade da labra e a iconografía dos capiteis e dos modillóns con temas tomados dos repertorios do bestiario medieval, temas sacros e profanos dan conta dun ambicioso plan para a igrexa do que, sen embargo só se levou a cabo a cabeceira. Trala incorporación da comunidade ó Císter, realízase a nave onde a riqueza decorativa da ábsida da paso á austeridade que caracteriza as empresas arquitectónicas da orde bernarda.

A comunidade de monxas cistercienses que aínda hoxe habita en Ferreira de Pantón custodia con moito celo unha das súas herdanzas máis prezadas. Trátase dunha imaxe románica da Virxe sedente co Neno seguramente doada cara 1200 por dona Guiomar, filla de Fronilde, a restauradora do mosteiro, para presidir o altar da igrexa aínda que, dadas as súas reducidas dimensións puido servir tamén para presidir as procesións celebradas na honra da patroa do mosteiro. 

Fotografías e vídeos