Mosteiro de Santo Estevo (San Paio de Diomondi, O Saviñao)
2 de 7

Mosteiro de Santo Estevo (San Paio de Diomondi, O Saviñao)

Mosteiro

O mosteiro de Santo Estevo de Diomondi existía xa a mediados do século X pero cambiou a súa advocación pola de San Paio entre 1138 e 1164. Forma parte dun grupo de mosteiros altomedievais da zona que trala reforma gregoriana foron anexionados á igrexa de Lugo, aínda que na documentación do século XII non se aprecian rastros dunha comunidade asentada no lugar. De tódolos xeitos, Diomondi debía de contar con unhas rendas o suficientemente saneadas como para permitir a edificación dunha igrexa  tan ambiciosa como a que atopamos hoxe en día no lugar.

É unha igrexa de nave única e ábsida semicircular na parte oriental con unha complexa articulación nos muros que alternan fiestras e contrafortes que se corresponden, no interior, con arcos diafragma que sosteñen o tellado a dúas augas da nave. O proxecto da igrexa resulta da adaptación a unha igrexa máis modesta de modelos, usos e decoración escultórica de prestixiosas obras do século XII como as catedrais de Santiago de Compostela ou a de Lugo á que, lembremos, pertencía Diomondi. De feito, a construción situada na parte norte da igrexa, recentemente restaurada tras o derrube parcial da súa fachada, foi levantada no século XIII como pazo dos bispos de Lugo.