Igrexa de San Pedro Fiz (O Incio)
3 de 7

Igrexa de San Pedro Fiz (O Incio)

Igrexa

O conxunto monumental de San Pedro Fiz sitúase nunha paraxe espectacular na ladeira dunha estribación da serra de Oiribio que descende cara o sur sementada de prados ata a conca do río Cabe. Neste enclave existiu un pequeno mosteiro con ese carácter familiar tan tipicamente altomedieval ata os anos finais do século XII cando o magnate castelán Gutierre Rodríguez de Castro e a súa muller Elvira Osorio, entón donos do cenobio, o doan á Orde de San Xoán de Xerusalén. Esta incorporación aos hospitalarios debeu de producirse entre os años 1188 y 1218 nunhas datas que coinciden, de feito, coa introdución en Galicia desta orde monástico-cabaleiresca  e a conformación do seu patrimonio material.

Coincidindo coa doazón á Orde de San Xoán debeu de edificarse, ademais da igrexa, unha fortaleza composta por unha gran torre de planta case cadrada da que hoxe queda  só o seu corpo baixo convertido en panteón señorial da familia dos Quiroga. Na parte sur da igrexa conservase outra das  primitivas torres defensivas  hoxe reempregada  como campanario .

A igrexa ten unha planta formada por unha única nave con unha ábsida na zona oriental, aínda que todo apunta a que orixinalmente tería unha maior proxección en altura da actual. O máis probable e que dispuxera dunha cuberta abovedada para a nave sobre a que se tería construído un adarve ameado e un camiño de ronda que lle conferirían á igrexa o aspecto dunha fortaleza más acorde co carácter militar da Orde e co resto de construcións que rodean a igrexa. Unha imaxe exterior, en definitivas contas, moi similar á da igrexa, tamén hospitalaria de San Xoán de Portomarín.

No interior da igrexa podemos aínda admirar hoxe algúns restos do seu primitivo enxoval litúrxico. Testemuña da existencia dunha igrexa anterior á actual é un fragmento dun frontal de altar pétreo que representa a crucifixión de Cristo que se data en torno ó ano 1100 dada a súa relación estilística co famoso frontal que se conserva en San Martiño de Foz. Tampouco podemos deixar de admirar, pola súa excepcional conservación e calidade, as imaxes do Cristo crucificado que preside o altar e da Virxe do Leite, nunha peaña do muro oriental, ambas do século XIV. 


Foto do frontal: ogalego.gal / Wikipedia

Fotografías e vídeos