Mosteiro de San Xulián (Samos)
4 de 7

Mosteiro de San Xulián (Samos)

Mosteiro

A vida cenobítica en Samanos remóntase ao século VII sendo así un dos enclaves monásticos máis antigos de Galicia. Tras diversos momentos de crise, a vida en común rexurdiu con forza no mosteiro durante o século X. Quédanos, de feito, a chamada Capela do Ciprés como testemuño material excepcional deste momento. A reforma gregoriana chegará moi cedo á comunidade que dende finais do século XI xa é beneditina e exclusivamente masculina.

Posuíu un amplo e rico couto que lle garantiu unhas rendas saneadas durante os séculos XII e XIII. De feito, entre aproximadamente 1175 e 1210 edificouse unha nova igrexa en estilo románico que seguía unha tipoloxía moi utilizada polos beneditinos en Galicia nesa época: planta basilical con tres naves e tres ábsidas da cabeceira. Esta foi substituída pola actual barroca, edificada a partir de 1734, de xeito que hoxe só nos quedan algúns restos románicos embebidos na fábrica da espectacular e solemne abacial actual.

No renacentista Claustro das Nereidas conservouse a antiga porta sur da igrexa románica na que a articulación arquitectónica e os motivos decorativos remiten a un obradoiro de artistas itinerantes formados na igrexa abacial de Meira e que logo traballaron en diversos puntos da provincia de Lugo como san Pedro Fiz do Incio. No tímpano, chama a nosa atención a representación dunha cruz patada, envolta por un entrelazo. A súa presenza na porta dende a que se accedía do claustro monacal á igrexa explícase polo especial culto á cruz que existía nas comunidades beneditinas e particularmente en Samos. Aquí conservouse ata 1869 unha cruz procesional patada de prata filigranada con pedras preciosas doada polo abade Brandila no século XI. A representación da portada non deixa de ser un referente pétreo para ela. 

Fotografías e vídeos