Santuario de Santa María a Real (Pedrafita do Cebreiro)
5 de 7

Santuario de Santa María a Real (Pedrafita do Cebreiro)

Igrexa

O Cebreiro nace como un enclave intimamente ligado á peregrinación a Santiago, coa  finalidade de dar refuxio  aos peregrinos no derradeiro gran porto de montaña antes de Compostela,  nunha das etapas mais duras que debían de sufrir os camiñantes. Non se pode precisar o momento da fundación do mosteiro e do hospital que atendía aos peregrinos pero todo apunta a que debeu de producirse entre os séculos IX e X, pouco despois do descubrimento dos restos de Santiago en Compostela e o inicio das peregrinacións. Afonso VI no ano 1072 pono en mans dos monxes  da abadía gala de Saint-Geraud d´Aurillac, para que estes atendesen o hospital e aos peregrinos, sobre todo franceses, que se dirixían á tumba do Apóstolo.

A igrexa é unha construción prerrománica cunha planta moi irregular de tres naves e tres ábsidas rectangulares que resulta da interpretación por parte dun obradoiro local, sen moitos recursos, das experiencias da arquitectura asturiana. A instalación dos monxes de Aurillac no mosteiro a finais do século XI debeu de supoñer unha renovación do templo que non tería pasado dunha simple adaptación que non alterou en gran medida a sinxela estrutura orixinal do templo. Ao tempo, introduciu elementos que nos falan dunha linguaxe artística xa románica, aínda que sen grandes pretensións, practicada por artífices locais.

O santuario de O Cebreiro alcanzou gran fama internacional debido sobre todo ao relato do milagre eucarístico acontecido alí cara 1300. Na ábsida dereita da igrexa, atopamos hoxe o chamado altar do Santo Milagre onde se custodian dentro dunha vitrina de seguridade os relicarios regalados polos Reis Católicos para gardar os restos de carne e sangue do milagre eucarístico e o cáliz e a patena nos que, segundo a tradición, se tería materializado o prodixio. O cáliz, realizado en prata dourada, leva na copa unha inscrición nielada na que se pode ler: hoc sacratvr qvo cvnctis vita parabatvr.