Mosteiro de Santa María de Penamaior (Becerreá)
6 de 7

Mosteiro de Santa María de Penamaior (Becerreá)

Mosteiro

As orixes do mosteiro de Penamaior sitúanse no terceiro cuarto do século XII cando temos a noticia da chegada dun grupo de monxes da abadía de Santa María de Carracedo (León) para fundar nestes afastados paraxes unha granxa ou priorado dependente desta abadía berciana. Estes monxes eran aínda beneditinos pero moi pronto tanto a casa nai como Penamaior pasarían á observancia cisterciense. Durante este período, que dura ata 1223 ou 1225, a comunidade foi aumentando progresivamente o seu dominio a través de doazóns e compras. De feito, en 1225 Penamaior xa se convertera nunha abadía independente.

A igrexa, xunto con algúns restos do claustro, hoxe en mans particulares, son as únicas partes que se conservan do mosteiro. Aquela presenta planta basilical con tres naves, e tres ábsidas na cabeceira. Con este tipo de igrexa, a comunidade de Penamaior distánciase  das tipoloxías arquitectónicas recomendadas pola orde do Císter para decantarse por un tipo moito mais tradicional e estendido en Galicia entre as comunidades monásticas de certa entidade. Isto explícase no só pola maior sinxeleza deste tipo basilical que permitía una construción bastante áxil ao non presentar excesivas complicacións técnicas, senón porque cando se inicia a construción a comunidade seguía aínda a regra beneditina. Esta si acostumaba adoptar esta planta para as súas igrexas monacais. 

Destaca na igrexa a súa portada occidental na que o seu tímpano utilizouse como soporte para unha curiosa representación da lenda do cabaleiro do León seguindo a tradición posta por escrito por Chrétien de Troyes na súa obra Le Chevalier au lion cara 1171-1181. A aparición desta lenda da Matière de Bretagne neste mosteiro cisterciense explícase pola facilidade coa que a historia, que debía ser coñecida polos monxes a través de fontes orais, podía ser lida en clave alegórica e moral. Yvain, o protagonista, é o modelo de cabaleiro que busca a súa salvación a través das boas accións. Ademais dos monxes, a historia representada neste tímpano, no exterior da igrexa, podía ser perfectamente recoñecida polos peregrinos que camiñaban polo camiño de Santiago que, ademais, pasa polas proximidades do mosteiro. 


Foto: jglamela/Wikipedia