Catedral (Lugo)
1 de 5

Catedral (Lugo)

Catedral

A de Lugo e unha das sedes episcopais máis antigas de Galicia e foi, de feito, a máis importante do antigo reino suevo da Gallaecia. A antiga igrexa catedral dedicada a Santa María, moi danada polas revoltas urbanas que se produciron na cidade a finais do século XI, foi edificada de novo seguindo as correntes da arte románica que, daquela, se asentaba con forza nos reinos do norte peninsular. De feito, o proxecto, de planta de cruz latina con tres ábsidas na cabeceira e un corpo principal de tres naves, está moi relacionada coa contemporánea catedral de Pamplona.

Na capela central da xirola da catedral, obra barroca do século XVII do afamado arquitecto Fernando de Casas, venérase hoxe a imaxe da patroa, Nosa Señora dos Ollos grandes. Trátase dunha imaxe pétrea da Virxe do Leite datada no primeiro terzo do século XIV que representa a María, en postura estante, sostendo o Neno sobre o seu brazo esquerdo e mostrándolle o seu peito coa man dereita.

O culto á Virxe do Leite na catedral lucense debe de ser, de tódolos xeitos, anterior á factura desta imaxe. De feito, Afonso X nas súas célebres Cantigas de Santa María, recolle na número LXXVII, Da que Deus mamou o leite do seu peito, un milagre acontecido na catedral de Lugo no que a Virxe curou a unha muller tollida do seu mal. A representación que ilustra a cantiga no chamado Códice Rico, realizada entre 1270 e 1282 presenta na primeira escena, unha imaxe da Virxe de Lugo sedente e aleitando ó Neno. Aínda que poida tratarse dunha representación estereotipada o certo e que ten que facer referencia a unha imaxe de Nosa Señora real e anterior á actual e que, por outro lado, tería servido como modelo prestixioso para moitas imaxes da Virxe do Leite sedentes conservadas hoxe en Galicia.