Museo Diocesano e Catedralicio (Lugo)
2 de 5

Museo Diocesano e Catedralicio (Lugo)

Museo

A súa fundación remóntase a unha data tan temperá como a de 1918 como museo arqueolóxico diocesano. No ano 1995 as súas instalacións pasaron do pazo episcopal á catedral, onde continúa tras unha profunda remodelación que o converteu nun moderno museo dende a súa reapertura no ano 2017.

No seu percorrido actual atopamos a sala, moi oportunamente titulada Da que Deus Mamou leite do seu peito —nunha clara alusión a Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa de la Catedral— na que se pode facer un percorrido pola evolución da imaxinería mariana, do románico ao gótico.

Unha das pezas máis interesantes e a chamada Virxe de Carboeiro ou Virxe de Belén. Procede do antigo mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda) onde se lle rendía culto nunha das capelas da xirola da igrexa. Tralo abandono e espoliación do mosteiro despois da desamortización do século XIX, a imaxe foi recollida por uns veciños ata que, recentemente, foi depositada no museo diocesano para unha correcta conservación e exposición. Trátase dunha imaxe de pedra que representa a María como sedes sapientiae, é dicir, como trono para Xesús neno que se senta sobre o seu xeonllo esquerdo bendicíndonos. A frontalidade de ambas figuras, aínda moi dependentes de modelos románicos, contrasta cun tímido naturalismo nas facianas e no tratamento dos cabelos e dos pregados dos panos. Isto permite datar a súa factura no século XIII, precisamente nun momento no que se produce unha gran difusión do culto mariano.