Mosteiro de Santa María (Meira)
3 de 5

Mosteiro de Santa María (Meira)

Mosteiro


Fronte á confusión de datos e a escuridade que impregna a fundación de moitos mosteiros medievais galegos, no caso de Santa María de Meira temos constancia documental do seu nacemento entre 1151 e 1154 xa como mosteiro cisterciense afiliado á abadía de Clairvaux (Francia) da que tería chegado o seu primeiro abade, Vidal.

A pesar das diferentes vicisitudes históricas que sufriu a fábrica do mosteiro e que provocaron, trala desamortización do século XIX, a desaparición de boa parte das dependencias claustrais, a gran igrexa abacial consérvase nun excelente estado que permite a contemplación dun espazo eclesial tipicamente cisterciense. De feito, construíuse seguindo o chamado “plan bernardino” de planta de cruz latina, tres naves no corpo principal e cinco capelas en batería na cabeceira na que destaca a maior que, no caso de Meira, é semicircular. 

O espazo interior, integramente abovedado caracterízase pola sinxeleza das súas liñas arquitectónicas con arcos e fiestras cortados en aresta viva e con capiteis case sen decoración ou seguindo modelos vexetais con motivos moi planos. No exterior, chama a nosa atención a fachada principal cunha gran portada abucinada na que, excepcionalmente, se conservaron as portas cos ferraxes orixinais. Polo seu característico formato de barras horizontais con pequenas volutas sobresaíntes pódense datar entorno a 1225.