Catedral (Mondoñedo)
4 de 5

Catedral (Mondoñedo)

Catedral

A historia da catedral de Mondoñedo comezou moito máis preto da costa cantábrica, na actual Foz onde se levanta a igrexa de San Martiño, a sede orixinal da diocese, un templo reconstruído en estilo románico a finais do século XI sobre outro altomedieval do século X. No ano 1117, a sede trasládase a un novo emprazamento, máis cara o interior, que entón se chamaba Vilamaior de Brea e hoxe Mondoñedo.

Este traslado tivo que provocar, por forza, a construción dunha nova igrexa para instalar nela a sede episcopal e as dependencia para a vida comunitaria dos cóengos. Concíbese entón un edificio basilical con tres naves, tres ábsidas na cabeceira e cruceiro destacado en altura pero non en planta. Todo apunta a que na elección desta planimetría pesou moito a da catedral de San Martiño de Foz concibida coa mesma distribución, de xeito que a nova igrexa mindoniense citaba con veneración a arquitectura da súa antiga sede.

A construción prolongouse durante as primeiras décadas do século XIII moi influenciada dende o punto de vista arquitectónico e decorativo polo obradoiro da abacial cisterciense de Santa María de Meira e polas correntes da arte gótica que se aprecian con moita forza na cubrición da igrexa con bóvedas de oxivas. A fábrica sufriu diversas modificacións que alteraron considerablemente o seu aspecto orixinal como a adición dunha xirola rectangular a finais do século XVI que ocultou a ábsida principal e supuxo a desaparición das laterais. Tamén coa prolongación, no século XVII, dos extremos do transepto, iso si, realizados imitando a arquitectura tardorrománica  do resto do edificio.