Capela de san Bernabé e San Roque (Riotorto)
5 de 5

Capela de san Bernabé e San Roque (Riotorto)

Capela

No lugar de Espasande de Arriba, en Riotorto, atopamos, nun cruce de camiños, a pequena capela de San Bernabé e San Roque. Foi publicada en repetidas ocasións como románica en función dunha inscrición do arco de acceso que nos dá o ano 1100 pero a todas luces é máis moderna ao igual que o resto da construción.

A única testemuña dunha posible construción medieval anterior á actual é unha interesante Virxe sedente realizada en madeira policromada e recentemente restaurada dado o deficiente estado no que se atopaba debido a que sufrira un proceso de transformación en época moderna para convertela nunha imaxe de vestir.

María está entronizada, coroada como raíña, frontal e con un xesto independente ao do seu fillo. Este está sentado sobre o xeonllo esquerdo lixeiramente xirado, aínda mirando cara o espectador pero sen o hieratismo dos modelos románicos  As vestiduras de ambos, se ben ocultan o corpo, logran translucir a anatomía grazas á mestría coa que están realizados os pregados que caen de forma naturalista. Naturalismo que atopamos  tamén no xesto, tanto na faciana da Virxe, como na posición dos brazos que se despegan do bloque para mostrar algo ó Neno ou para suxeitalo comodamente polas costas.

Trátase  dunha escultura que a pesar dos danos que sufriu e da policromía actual aínda denota unha alta calidade. A súa factura pode  datarse na segunda metade do século XIII en relación co foco artístico castelán-leonés, en particular coas imaxes da Virxe que  aparecen nalgunhas viñetas das miniaturas dos códices das Cantigas de Santa María. A Virxe sedente que nos ocupa comparte, de feito, con estas a mesma composición e acenos estilísticos, cun naturalismo e unha visión mais humanizada e tenra da divindade sobre todo con respecto aos modelos plenorrománicos. Unha nova relixiosidade promovida pola orde do Císter, gran promotora do culto mariano, pode estar, de feito, trala extraordinaria abundancia de virxes similares de esta época na diocese de Mondoñedo onde a orde estaba representada polo poderoso mosteiro de Santa María de Meira.

Foto: