Cruceiro da Praza da Leña
4 de 4

Cruceiro da Praza da Leña

Cruceiro

     Nuclea unha das prazas emblemáticas de Pontevedra, localizada fronte ó Edificio Castro Monteagudo, o fundacional do Museo de Pontevedra. Esta institución, fundada en 1927 pola Deputación Provincial, é a  propietaria dos elementos antigos do cruceiro que nos ocupa. Instalouse aquí, como proclama o epígrafe que exhibe o basamento sobre o que se ergue, en 1941 e co patrocinio do Concello de Pontevedra. Foi responsable desa intervención Daniel Rodríguez, un recoñecido canteiro pontevedrés.

     O cruceiro responde, compositivamente, ao que cabe considerar como modelo ou prototipo usual nesta clase de monumentos. Consta dunha plataforma escalonada (3 gradas), un basamento cúbico, coas arestas cortadas en chaflán liso, un soporte vertical – un fuste cilíndrico, sen basa, rematado por un capitel moi coidado, de conformación cúbica, ornado con elementos verticais- e unha cruz no remate. Só son “antigas” esta última e a peza con epígrafe tardomedieval, ilexible e de procedencia descoñecida, que se insire na parcela superior do fuste.

     A cruz, na que se evidencia con nitidez a coidadosa intervención restauradora do citado Daniel Rodríguez, destaca, malia que non sexa unha obra refinada, polo detalle co que están traballadas todas as súas partes. Exhibe na cara principal a Cristo crucificado e no reverso á Virxe, de pé e co Neno Xesús nos seus brazos.

     A cruz, tal como revelan os rexistros do Museo de Pontevedra e as referencias de Castelao, procede de Caldas de Reis (Pontevedra). Malia que nalgunha ocasión se teña  datado no século XV ,trátase, sen embargo, dunha creación da centuria seguinte e cara ó seu segundo cuarto.