Cruceiros de Galicia (III) : Santiago de Compostela polo Camiño Francés

Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas

Os cruceiros constitúen un dos monumentos máis sobranceiros do Patrimonio Cultural Galego e forman parte da identidade cultural que nos caracteriza como pobo diferenciado. Para Castelao, os cruceiros galegos son “a máis enxebre manifestación artística do noso pobo”. Temos que destacar que Galicia é o país do mundo con maior número de cruceiros, monumentos que, ademais, presentan unha grande variedade tipolóxica e cronolóxica. Dicía Vicente Risco que todos os cruceiros galegos se asemellan pero que todos se diferencian, o que vén a confirmar a teoría de que non hai dous cruceiros iguais, incluso entre os realizados por un mesmo canteiro ou santeiro, pois en cada un podemos atopar trazos distintivos. Polo que respecta á súa cronoloxía, en Galicia podemos atopar cruceiros que van dende o século XIV ao XXI, pois na nosa terra o costume de facer e poñer cruceiros segue vivo.

Co obxecto de dar a coñecer os nosos cruceiros, o Consello da Cultura Galega e a Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas, presentan esta serie de roteiros para animar a todas as persoas interesadas no noso patrimonio, a coñecer e visibilizar estes monumentos senlleiros, que, lamentablemente e na maioría dos casos, ou pasan desapercibidos ou son pouco valorados.

O segundo xoves de cada mes publicarase un novo roteiro que permitirá coñecer a diversidade territorial, xeográfica e artística destes monumentos emblemáticos.

Quilómetros
Horas
0
Dificultade
A pe
Modo

Características

Na cidade de Santiago e arredores hai suficientes cruceiros para facer varios roteiros, polo que se acordou distribuílos en cinco, dos que este é o primeiro, que se limita só aos públicos existentes no Camiño Francés, entre o Monte do Gozo e a Porta do Camiño. 

O percorrido é duns cinco quilómetros sen contar o regreso e está pensado para facer a pé, aínda que tamén pode ser en vehículo xa que este chega a todos.

A Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, en colaboración co Consello da Cultura Galega, trata de dar a coñecer con estas achegas unha parte importante do noso patrimonio, esquecida ou non tratada como merece. 

Textos e fotografías: Clodio González Pérez

BIBLIOGRAFÍA

Barreiro, Bernardo: “La cruz del Home
Santo”, Galicia Diplomática, III,
Santiago, 1888.

González Pérez, Clodio: “O cruceiro ou cruz do Home Santo (Santiago de
Compostela): Historia e lenda”, en Actas
do V Congreso Galego de Cruceiros,
Mos (Pontevedra),
Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía,
2014.
González
Pérez, Clodio:
Cruces e cruceiros de Santiago de Compostela (inédito).