Cruceiros de Galicia (V): A cidade de Pontevedra

Un pequeno cruceiro, da autoría do historiador Xosé Carlos Valle Pérez, que nos guía polos cruceiros do casco vello pontevedrés.

Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas

Os cruceiros constitúen un dos monumentos máis sobranceiros do Patrimonio Cultural Galego e forman parte da identidade cultural que nos caracteriza como pobo diferenciado. Para Castelao, os cruceiros galegos son “a máis enxebre manifestación artística do noso pobo”. Temos que destacar que Galicia é o país do mundo con maior número de cruceiros, monumentos que, ademais, presentan unha grande variedade tipolóxica e cronolóxica. Dicía Vicente Risco que todos os cruceiros galegos se asemellan pero que todos se diferencian, o que vén a confirmar a teoría de que non hai dous cruceiros iguais, incluso entre os realizados por un mesmo canteiro ou santeiro, pois en cada un podemos atopar trazos distintivos. Polo que respecta á súa cronoloxía, en Galicia podemos atopar cruceiros que van dende o século XIV ao XXI, pois na nosa terra o costume de facer e poñer cruceiros segue vivo.

Co obxecto de dar a coñecer os nosos cruceiros, o Consello da Cultura Galega e a Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas, presentan esta serie de roteiros para animar a todas as persoas interesadas no noso patrimonio, a coñecer e visibilizar estes monumentos senlleiros, que, lamentablemente e na maioría dos casos, ou pasan desapercibidos ou son pouco valorados.

O segundo xoves de cada mes publicarase un novo roteiro que permitirá coñecer a diversidade territorial, xeográfica e artística destes monumentos emblemáticos.

Quilómetros
Horas
0
Dificultade
A pe
Modo

Características

     Pontevedra, capital da provincia do mesmo nome, conta cun dos recintos monumentais máis valiosos e mellor conservados de Galicia. O seu perímetro, protexido por unha muralla da que hoxe a penas quedan restos significativos, definiuse durante a Baixa Idade Media. Proceden desta etapa e do século XVI algúns dos vestixios máis notables dese rico patrimonio histórico-artístico.

     Catro son os cruceiros existentes actualmente no Centro histórico de Pontevedra. Comparten, nunha primeira valoración, dous trazos moi significativos: ningún foi realizado para ser instalado no espazo no que se achan (a súa localización, pois, é produto dun traslado desde outro lugar, máis ou menos próximo ao que hoxe ocupan) e, en segundo lugar, un dato non menor, todos foron analizados e debuxados por Castelao, o grande estudoso dos nosos cruceiros, quen os incluíu na súa monumental monografía sobre As cruces de pedra na Galiza, publicada en Buenos Aires, no esencial, pouco tempo despois do seu pasamento, acaecido nesa cidade o 7 de xaneiro de 1950.

     Propoño, para a contemplación dos cruceiros aos que está consagrado este texto, un itinerario que partiría da igrexa de Santa María, en cuxos costados sur e norte se levantan dúas das obras, proseguiría pola Rúa Isabel II, onde, nunha Praza creada pola converxencia de “cinco” rúas (este feito explica o nome que posúe), se encontra o terceiro, e culminaría na Praza da Leña, marco no que se insire o cuarto monumento, “veciño” dos edificios centrais do Museo de Pontevedra.

Texto e fotos: Xosé Carlos Valle Pérez