En 1933 o Seminario de Estudos Galegos (SEG) deu ao prelo unha das súas obras máis emblemáticas, Terra de Melide. Era o resultado dos amplos traballos de campo e investigación que os membros do Seminario, cada un desde a súa disciplina, realizaran sobre esta comarca, tanto do seu patrimonio material como do inmaterial. Foi unha achega pioneira nun xeito de concibir a cultura como un conxunto de saberes interdisciplinarios e conectados.
O Consello da Cultura Galega, en colaboración co Museo da Terra de Melide, quere conmemorar estes traballos volvendo visitar unha selección dos espazos arqueolóxicos, artísticos ou vitais percorridos polos membros do Seminario de Estudos Galegos e os seus colaboradores locais durante a súa estadía na vila de Melide e a súa comarca.
Este roteiro foi deseñado polo Museo da Terra de Melide coa colaboración do Consello da Cultura Galega.