Ferrol: El Correo Gallego
Espazo Literario, Espazo biográficoA vida de Ricardo está ligada á vida cultural e editorial de Ferrol. A nai
aprendeulle a ler nas páxinas de El
Correo Gallego que estivo en Ferrol 60 anos desde 1878 até 1938 cando se
fusiona con El Eco de Santiago
instalándose en Compostela. A sede ferrolá estaba na rúa Magdalena, 186, nun
fermoso edificio modernista de tres andares, obra realizada en 1912 por Rodolfo
Ucha Piñeiro. Nos talleres tipográficos do xornal imprimiuse en 1928 o poemario
de Ricardo Trinitarias con prólogo de
Nicolás García Pereira. E en 1929, En
torno a las ideas comunistas de Platón. Ricardo publicou en 1929 no xornal
o poema “O estudante adoecido” e o artigo “Laboremos: por un Ferrol Gallego”.
Por aquel tempo mantiña relación coas
figuras da cultura en Ferrol: Comellas, García Pereira, Quintanilla, o
crego Matías Usero Torrente, o comerciante Manuel Fernández Barreiro, Rodrigo
Sanz, Francisco Cabo...
“Cando comecei a publicar en El
Correo Gallego –no Correo Gallego
dos anos 26, 27, deve haver muita cousa miña –contemporaneamente à miña vinda a
Santiago como estudante, interesou-se por eses ensaios literários Xaime
Quintanilla. Recordo mui ben que me deu unha cita e fun pola noite depois de
cear a falar con el. Tivemos várias sesóns en que eu lle levava versos e el
comentava-os, xulgava-os, dava-me consellos. Cando se publicou Trinitárias, publicou el tamén unha
recensón no Correo Gallego. Estes
homes, Xaime Quintanilla, Matias Usero e Manuel Fernández, escreveron sendos
artigos sobre o meu livro Trinitárias,
que se publicou pois... no ano 28, pouco despois de chegar eu a Santiago. De
maneira que algunhas destas persoas foron as primeiras figuras intelectuais
coas que eu me puxen en contacto”.
Fernán Vello, M. A. & Pillado Mayor, F. (1986): Conversas en Compostela con Carballo Calero, 33-34 (Barcelona: Sotelo Blanco).
Fotos: Turismo de Galicia