Ferrol: Sociedade Medulio
8 de 24

Ferrol: Sociedade Medulio

Espazo Literario

Coa Sociedade Medulio, hoxe localizada na antiga Casa Asilo, queremos simbolizar a reivindicación que tantas entidades de Ferrol fixeron desde sempre da figura de Carvalho: desde o Ateneo á Fundaçom Artábria a sociedade ferrolá estivo sempre co seu Fillo Predilecto a quen dedicou xornadas, exposicións, roteiros e libros moi valiosos como Conhecermos Carvalho Calero, Encontros con don Ricardo Carvalho Calero ou Hei de entrar no meu povo. Medulio realiza en decembro de 1981 a primeira homenaxe a Carvalho que dará lugar ao volume Homenaxe a Carballo Calero (1982), reeditado en 2000. Tamén colabora Medulio cos premios Carvalho Calero de narrativa e de investigación lingüística e literaria creados en 1990. Este poema é outra expresión da paixón de Ricardo pola súa cidade natal.

Cruzando a ria

pola ponte das Pias, 

se os obreiros de Astano

nom cortarom o tráfico, 

entrarei em Ferrol, a minha terra.

Se o cortarom, daquela, 

hei tomar o caminho antergo,

e passar por Narom, pé do mosteiro

de Sam Martinho,

polos eidos de Esquio.

De um jeito ou outro,

hei de entrar no meu povo,

para ver se tropeço

nunha rua qualquer de Ferrol Velho

- será a de Sam Francisco, a do Socorro?-

com o neno que fum e que foi outro;

aquel que fum e que nom fum entom,

quando eu nom era o velho que hoje som.

 

Reticências (1986-1989) (Santiago: Sotelo Blanco), 1990.