Santiago: Seminario de Estudos Galegos
10 de 24

Santiago: Seminario de Estudos Galegos

Espazo biográfico Colexio de Fonseca, Santiago de Compostela

En Compostela e a través de Ramón Martínez López entra en contacto co SEG no que Ricardo ingresa lendo os poemas “A dor cantareira” en 1927, aos 16 anos. Ricardo considerábase membro da xeración do SEG, institución que lle vai permitir o coñecemento das grandes figuras do galeguismo cultural e político, comezando polas da xeración Nós.

No SEG, primeiro no Colexio San Clemente (1926-30) e logo no Colexio de Fonseca (1930-36), Ricardo estivo adscrito ás seccións de Ciencias sociais, xurídicas e económicas e á de Historia da literatura e foi membro da súa comisión lingüística. Exerceu de secretario xeral, de actas e conselleiro permanente, foi responsábel de inventario e recepción. En 1930 publica nos Arquivos do SEG o seu traballo “Como vía a Aristóteles o Pae Feijoo”. Por encargo do SEG, Ricardo redacta con Luís Tobío o anteproxecto de Estatuto Galego publicado en 1931 antes da Constitución de 1931.

 

 “A fundación do Seminario de Estudos Galegos realizóuse o 12 de outubro de 1923 na casa do Castro de Ortoño onde Rosalía vivíu os seus primeiros anos. O Seminario tivo a súa sede en Compostela, e, fundado por escolares, antre os que debemos reter os nomes de Fermín Bouza Brey e Xosé Filgueira Valverde, contóu desde o principio coa colaboración dos profesores universitarios. Até a súa disolución en 1936 foron os seus presidentes Armando Cotarelo Valledor, Salvador Cabeza León, Lois Iglesias Iglesias e Ramón Otero Pedrayo. Os compoñentes do grupo “Nós” apoiaron entusiásticamente a nova institución, presidindo diversas seccións da mesma.

O Seminario tiña por ouxeto principal a formación de investigadores, e o estudo científico de Galicia en todos os seus aspectos. Mais organizóu actos de divulgación cultural, como esposicións, ciclos de conferencias e sesións públicas. Durante o curso 1924-1925 celebra a “Festa da lingua galega”; no seguinte a “Festa da prosa galega”. Organízanse campañas de estudo por equipos, sobre o terreo, do país.

O Seminario realizóu un grande esforzo editorial. Publica en primeiro termo os seus Arquivos, hastra seis tomos, ademais das publicacións soltas, antre as que compre salientar os estudos de conxunto Vila de Calvos de Randín e Terra de Melide”.

Historia da literatura galega contemporánea, 735-736 (Vigo: Galaxia), 1981