Santiago: Editorial Nós
11 de 24

Santiago: Editorial Nós

Espazo Literario, Espazo biográfico Rúa do Vilar, 15, Santiago de Compostela

Ricardo está intimamente ligado á editorial Nós, á revista Nós onde publica 30 traballos e á propia xeración Nós sobre cuxos autores escribiu libros e traballos moi decisivos. Tratounos moito a todos e tamén ao editor Ánxel Casal. En Nós publicou Vieiros (1931), La soledad confusa (1932) e O silenzo axionllado (1934). Aquí evoca a figura de Casal e o seu traballo editorial.

“Un galego que regresara da emigración e que se achaba daquela na Cruña, Ánxel Casal Gosenje, recibíu unha carta remesada desde Barcelona por Labarta Pose, na que se lle propuña fundar unha editorial. Tampouco este proxeito callóu. Pero pouco despóis, o mesmo Casal e Leandro Carré Alvarellos asociáronse para editar unha colección de novelas curtas. Así nacéu, en 1924, a editorial Lar.

Para endereitar a administración (refírese á revista Nós), afastóuse ésta de Ourense, pasando á Cruña, onde a asumíu Ánxel Casal, que asociado a Leandro Carré dirixía a editorial Lar. En 1930 arredáronse os dous socios. Carré seguíu con Lar. Casal continuóu administrando e imprentando Nós na Cruña.

Desde o número 88, Nós confecciónase na imprensa da editorial do mesmo nome, estabelecida por Casal en Santiago, a onde a trasladóu o seu fundador desde A Cruña. A imprensa de Casal estivo domiciliada primeiro na rúa das Hortas, número 20, e logo na rúa do Vilar, número 15.

O derradeiro número normalmente repartido aos suscritores foi o número 137-138, correspondente a maio-xunio de 1935, pero saído o ano seguinte. Estaba no prelo, ao estoupar a guerra civil, outro número que xa non se publicóu (139-144).

Os números de Nós confeccionados en Ourense son os máis perfeitos e ambiciosos desde o punto de vista tipográfico, con ilustracións fora do testo e en cor (...) Moitos orixináis eran entregados a Casal e éste insertábaos na revista sen que Risco os vira previamente. Así, o administrador exercía unha especie de codirección. Risco quixo e logróu facer nos primeiros números unha revista literaria de grande porte; pero logo a arqueoloxía foi gañando terreo, e o Nós, tomóu un carácter antre literario e científico que non parez previsto na súa fundación.

Risco, Otero e Cuevillas, con moita leitura francesa ao día, especializados ademáis en sendas ciencias humanas, fixeron da revista un medio de comunicación co saber estranxeiro, e un centro de intercambio coa cultura europea.

Estes homes deron á prosa galega un pulo nunca visto nos tempos modernos. A prosa galega aparez adulta por primeira vez desde o Rexurdimento na pena de Castelao, Risco, Otero e Cuevillas, catro prosistas de singular relevo.

Historia da literatura galega contemporánea, 621, 635-636  (Vigo: Galaxia), 1981