Santiago: IES Rosalía de Castro
13 de 24

Santiago: IES Rosalía de Castro

Espazo biográfico Rúa de San Clemente, 3, Santiago de Compostela

Ricardo foi profesor do Instituto desde o 24 de novembro de 1965 até o 15 de marzo de 1972 cando obtén a condición de Catedrático da USC. María Ignacia Ramos Díez foi profesora do centro desde o 20 de novembro de 1968 até a súa xubilación o 20 de setembro de 1980. O edificio, o Colexio San Clemente, foi sede do SEG. O nome de Rosalía está moi vinculado á súa obra investigadora. Velaí as súas edicións da poesía rosaliana, o seu discurso de ingreso na RAG Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, o volume Particularidades morfológicas del lenguaje de Rosalía de Castro e o conxunto de traballos reunidos en Estudos rosalianos. Deste libro recuperamos este texto no que Carvalho subliña a dimensión compostelá da obra de Rosalía.

“O maior poeta de Galicia non é só compostelán por ter nado nunha casa do que entón era un arrabalde da cidade. Rosalía recibe as augas bautismáis na capela do Hospital Real, e en Compostela decorren anos decisivos da súa vida. Habita nunha casa contigua ao arco de Mazarelos o ano 1863; noutra da Conga dera a luz á súa primeira filla Alexandra; en Santiago nacen tamén outros dos seus fillos: Aura na rúa Callobre, Adriano e Valentina na Senra. E tamén en Santiago morren os dous derradeiros, que son soterrados no cimiterio de Santo Domingo e o mesmo que a nai de Rosalía.

Mais Rosalía é, de por parte, a grande cantora de Compostela e os seus libros Follas novas e En las orillas del Sar están cheos de resoancias composteláns. Ouvimos neles o grave son dos sinos da catedral. E coa catedral, vive en Rosalía o outro grandioso tempro da metrópole, o tempro de San Martiño Pinario. Lugares entrañábeis da cidade están nimbados para todos os que amamos Compostela, pola luz santa e misteriosa das evocacións rosaliás.

Paraxes que hoxe teñen sido ou están a punto de ser absorvidos polas construccións urbás, perviven nos versos de Rosalía con todo o meigo enlevo da autenticidade.

Afinal, nun concertante de sinos conventuáis e rechouchíos de paxaros, balbordos de muiños e ecos de faenas campesiñas, a cidade inteira e o seu contorno orquestran malencónicamente un dos máis fremosos adeuses ditos endexamáis á patria, á vida ou ao amor.

Inspíralle (Compostela), con outros elementos, a topografía e o ambiente da cidade descrita en Flavio, e Conxo reaparece como escenario de El primer loco, a derradeira novela de Rosalía.

Pois Rosalía foi, como Compostela, galega e universal. E por selo, penetróu profundamente no corazón lírico deste celmoso froito de galeguidade e universalidade que é a cidade de Santiago”.

“Compostela en Rosalía” no Faro de Vigo (30-V-1973) e en Estudos rosalianos (Vigo: Galaxia), 1979, 145-147.