Santiago: Facultade de Filosofía
Espazo biográficoOnde se sitúa hoxe a Facultade de Filosofía, concluiu Ricardo a súa vida
docente cando albergaba a Facultade de Filoloxía. Neste edificio estudaron as
primeiras promocións de Filoloxía Galego-Portuguesa. Mesmo xubilado seguiu
ocupando un despacho para traballar e atender múltiples encargos e visitas. No
seguinte texto evocamos as angueiras coas que Ricardo encarou as carencias
humanas e materiais para ensinar na USC e os seus esforzos para que se
constituíse un departamento de Filoloxía Galega.
“¿Con qué persoal docente conta actualmente a
Universidade Galega para atender aos estudos da lingua e literatura do país?
Durante os cursos 1965-1966 e 1966-1967 todo o labor
estivo encomendado a un encarregado de curso, que asumíu tamén o cárrego de
profesor de Galego no Instituto de Idiomas, ao inaugurarse as clases en 1967.
Durante o actual curso conseguíuse a creación dunha praza
de Profesor adxunto de Lingua e Literatura Galega. Non hai axudante algún
adscrito a esta materia.
A situación, pois, do insino do galego en Santiago é por
varios xeitos precaria. Moitos galegos creen que esiste na Universidade unha
cadeira dotada e provista. Non hai tal cousa. No tempo en que era posibre
recabar a dotación e provisión dunha cadeira, tal desexo non tivo comprimento.
Coa nova estructuración universitaria non cabe de momento semellante
posibilidade. Só procede solicitar e outer a creación, dotación e provisión
dunha praza de Profesor Agregado, albo que non foi atinxido aínda tampouco.
A sociedade galega debe colaborar coas autoridades
académicas para que se concedan á Faculdade de Filosofía e Letras os medios
necesarios a fin de que os estudos da lingua e a literatura de Galicia adquiran
institucional e prácticamente a debida solidez.
En profesores i estudantes maniféstase un novo espíritu
perante os problemas pendentes. Non só a nosa lingua e a nosa literatura son
materia de estudo nas clases e nos seminarios, senón que o idioma é veículo
didáctico universitario. Numerosas teses de licenciatura e de doutorado sobre
filoloxía galega teñen sido realizadas e programadas. Pero será necesario o
Departamento especial de Filoloxía Galega para que se dispoña do profesorado
suficiente, cunha división de traballo axeitada, que aproveite ao másimo a
preparación de cadaquén, a fin de que as diversas modalidades dos nosos estudos
sexan cultivadas a pleno rendemento.
A Academia Galega ten solicitado o estudo do galego en
todos os nivés do insino dentro do noso país. Se éste responde positivamente –e
os síntomas son cada vez máis esperanzadores- abriranse para os estudosos do
galego posibilidades profesionás que non farán senón medrar no ámbito dos
distintos degraos da docencia. Para que a docencia do galego sexa
verdadeiramente eficaz, é preciso que esa docencia deixe de ser unha empresa
heroica e se convirta nunha empresa rentabre”.
“O galego na Universidade”, en O porvir da lingua galega, 39-46 (Lugo: Círculo de las Artes),
1968.