Santiago: Residencia de Ricardo Carballo Calero
Espazo biográfico Rúa Carreira do Conde, 14, Santiago de CompostelaNesta casa instálase Ricardo en 1968 cando compatibiliza a docencia no
instituto Rosalía de Castro e na USC. O 30 de outubro de 2010 inaugurouse na Carreira
do Conde, fronte á Alameda de Compostela, a peza escultórica de José Molares
realizada en granito do Porriño. Estaba presente Margarita, a filla de Ricardo,
mentres a súa irmá María Victoria formara parte do grupo que seleccionou a
escultura. Foi unha iniciativa promovida pola Fundaçom Meendinho coa
colaboración de diversas persoas e entidades. Recuperamos un texto que lle
dedicou a Luís Seoane que contén diversas alusións á súa vida e á súa paixón
por esta cidade que tamén e durante tres décadas foi a súa.
“Os anos en que Seoane e máis eu (evoca o final do reinado de Afonso XIII)
tripábamos as lousas das rúas de Santiago. Uns e outros paseantes polo Vilar ou
tertuliáns no Derby.
Aínda que os dous estudamos Direito e éramos da mesma idade, nunca coincidimos
nos cursos. El ía retrasado con relación a min.
Endebén sempre nos relacionamos amistosamente. Seoane fixo a miña
caricatura, e mesmo concertamos que ilustraría un meu libro de versos que non
chegóu a publicarse. Lembro que daquela aparecera Mar ao norde, e Seoane se mostróu de acordo comigo en que a mellor
das súas ilustracións era a do poema “Illa”.
Mais Santiago era unha cidade pequena. As dúas Rúas e a liña de Callobre
–Preguntoiro, Caldeiraría e Orfas – era o seu eixo ou o seu núcleo. A Ferradura
tamén nos atraía, cando o tempo era bo. Tropezábamonos, pois, todos os días, e
todos os días cambiábamos algunhas palabras.
A guerra dispersóu aos que fóramos compañeiros e amigos. Os días lugueses
de Seoane naquela primeira volta ao país foron de estrita relación comigo. Vino,
pois, logo, moitas veces, aínda que, cunha soa excepción era el quen se
achegaba a min; pois eu, primeiro en Lugo e despóis en Santiago, permanecía
case imóvil.
Na mocidade, Seoane estaba dominado por convicións tan entusiásticamente
vividas, que a expresión verbal das mesmas lle abrollaba a borbollóns,
atropeladamente, con tanta presa que os xorros de paixóns e palabras
intermitentemente se agolpagan, interquinencais mútuas, como nunha erupción
imposíbel de controlar, a tumbos e pancadas.
A súa lingua non é espontánea nen purista. É a que se usaba no tempo da súa
mocidade polos que non eran campesinos nen lingüistas. A mesma lingua,
arbitraria ás veces, arcaizante outras, contraditoria sempre, que usábamos no
Seminário. Aquela lingua estaba superada cando Seoane publicóu os seus libros”.
“Lembranzas de Luís Seoane”, Grial,
65, 1979, 274-280 e incorporado a Libros
e autores galegos. Século XX, 1982, 262-269 (A Coruña: Fundación Barrié de
la Maza).